Conversa con Antón Reixa

(Conversa con Antón Reixa publicada no blog Nosquedaportugal o 8 de decembro de 2009)

Despois do éxito da primeira conversa do blog, con Manuel Lourenzo, había que buscar o xeito de manter o nivel dos entrevistados. Xa había algún tempo que tiña en mente tentar de manter esta conversa, por unha banda porque Antón Reixa é sen dúbida unha das figuras máis importantes da nosa cultura nos últimos 30 anos, e por outra, porque hai só un par de meses descubrin, por un artigo do propio Reixa no Xornal, que fora Antón Reixa e non os Siniestro Total os que acuñaran a frase que da nome a este blog: Menos mal que nos queda Portugal.

Antón Reixa, de conversa para nosquedaportugal. Fonte propia.


Por iso, aproveitando a xentileza de Antón, mantivemos a semana pasada unha charla nunha cafetería da Coruña -e desta vez como vedes non esquecín levar a cámara de fotos!- que podedes ler a continuación. Que a desfrutedes.

Caralladas: A primeira pregunta, Antón, e vai ser a última…

Antón Reixa: Como ‘a última’?

C: A primeira vai ser a última… sobre política.

AR: Ah!

C: Pero que che teño que facer despois do doutro día… algo moi sinxelo, non me vou meter máis en política, de verdade! Despois da Asemblea de +BNG, que tal se leva o de estar en boca de todo o mundo por razóns políticas?

AR: Bueno, eu non o percibo así. O que si é certó é que despois de moitos anos de estar inactivo políticamente decidín dar un paso para tratar de articular unha alternativa dentro do nacionalismo e dunha esquerda moi plural… e tomeino con certa enerxía, non?

(risas, e pide unha cervexa sen alcool á camareira, que acaba de se achegar)

e tomeino cunha certa… ansia. Noto no entorno que hai máis cansanzo do que eu contaba, que hai máis escepticismo, porque pasaron os anos… Porque eu creo que a política cambia, colabora non a facer revolucións pero si a mellorar as condicións de vida e de relación entre a xente.

C: Buscando información para a entrevista atopei unha conversa que tiveches có xornal El Pais en 2003, que comentabas “a mis años ya me gustaría encontrar un oficio definitivo”.

AR: (risas)

C: e queríache preguntar se a estas alturas xa o atopaches… porque daquela aínda non estabas có tema do Cluster, e agora parece que estás un pouco máis volcado con eso, non?

AR: Si, pero bueno, era empresario, estaba estreando ‘O lapis do carpinteiro’. Non, agora teño claro que hai algo permanente na miña vida desde moi novo que é…

C: … a poesía…

AR: … que é escribir poesía, e ademáis vincular a poesía a outros códigos multimedia e interdisciplinares, i eso é o que seguín facendo e o que sigo facendo. E dicir, agora me colles que marcho este fin de semana a Suíza a traballar cun amigo nunha performance. Eso é o de sempre, e o que unha novidade na miña vida xa totalmente asumida nos últimos dez anos é que son un empresario audiovisual e que quero se-lo, e que me sinto moi a gusto ahi, traballando con moita xente.

C: Podes comentar un pouco os obxectivos do Cluster Audiovisual Galego, CLAG, cómo funciona e qué perseguides?

Clúster audiovisual galego. Fonte: www.clusteraudiovisualgalego.com

AR: O Cluster é unha agrupación empresarial fundamentalmente vinculada para establecer relacións de cooperación entre empresas. Nos ás veces dicimos que é un clube de negocios que serve para que os que traballamos no audiovisual nos coñezamos, e…

C: Pero ó final sodes competencia realmente, ou non?

AR: Si, pero precisamente para romper que somos competencia na vida dos negocios, buscar vías de colaboración… Hai unha función que cumple o Cluster moi ben i é que ningunha das empresas que hai en Galicia ten tamaño suficiente para ter un departamento propio de I+D, i en donde é máis activo o Cluster é en I+D, e dalgunha forma todos aceptamos tácitamente que o macro departamento de I+D de todos é o Cluster, que realmente ten medios e diñeiro para facelo. E nunha cousa que tamén son servizos para as empresas, estamos moi preocupados pola internacionalización, e organizamos ó ano 8 ou 9, case dez misións empresariais a feiras e mercados, que ahí non somos competencia, mancomunamos servizos, e iso que é moi importante para as empresas, internacionalizarse, estar nesas citas, pois o Cluster organiza as axendas, as inscripcións, asume gastos de viaxe, de estancia, fai unha labor incluso para os que necesiten de traducción, interpretación, contactos, etc.

C: Falando de internacionalizar, unha cousa que eu detecto é que o sector audiovisual galego efectivamente vai a máis, e sin embargo o cinema en galego, as series en galego, etc., pois non parece que progrese tanto. Entón eu quería preguntarche se vos non vedes saída para ó cinema en galego, ó audiovisual en galego, mercados como Portugal ou Brasil?

AR: Si, pero… precisamente hoxe veño de presentar unha coproducción con Brasil, pero, é dicir, son ámbitos de colaboración moi interesantes, cun valor estratéxico, pero hai que facer, é dicir, a gran sorpresa dos meus coproductores nesta película en Brasil, cando viñeron aqui e descubriron que falamos galego, que os actores galegos que colaboran na película poden…

C: …hai moito descoñecimento sobre iso…

AR: Hai moito descoñecimento. Pero de todas formas a lusofonía para nós é un horizonte de esperanza, en términos lingüísticos, en términos de intercambio cultural, en terminos tamén de mercado. Brasil é un dos mercados máis intersantes do mundo actualmente, é dende logo para a industria cultural. De todas formas, o que xa está testado do audiovisual galego é que temos unha capacidade de producir para nós mesmos: un dos grandes éxitos do audiovisual galego é a cantidade de series de ficción de producción propia que se fixeron nos últimos doce anos.

C: No mercado da TVG

AR: Si, pero teñen a virtude de que compiten nas parrillas con series españolas, e mesmo lle gañan, non? Eso é algo que temos que ter autoestima, non? O que sí ocorre no audiovisual, é que os problemas que poida ter o galego tampouco son moi diferentes dos doutras línguas europeas. O grande problema que hai no mercado audiovisual europeo, como en xeral todo o que afecta á industria cultural, ten que ver coas línguas vehiculares e no cinema coa língua de rodaxe. Non é moi diferente o problema que podemos ter para distribuir en Europa unha película en versión orixinal en galego da que poden ter en Holanda, en Dinamarca, en Noruega ou en Suecia. Obviamente é algo que cada vez se terá que facer máis.

C: Tedes apoio da Xunta? Notouse o cambio da Xunta, se hai máis apoio, menos apoio… ? Bueno, máis xa non che pregunto…

AR: Non se sabe porque non están!!

C: É que é unha cousa que che quería preguntar en relación a eso, porque a primeira conversa que fixen para o blog foi con Manuel Lourenzo, a quen tí coñeces ben, e lle preguntei precisamente polas subvencións ó teatro e á cultura galega en xeral. El me decia que defende que o poder subvencione,”pero non interveña no máis mínimo nel”.

Manolo Rivas na presentación de ‘Episodios galegos, Tempos de esperpento’.
Fonte: www.atlantico.net

E por exemplo hai pouco lía a Manuel Rivas, falando do tema do ‘Achegarte’, criticando “a falta de respeto do discurso dominante cara a cultura galega, a menos subvencionada de Europa”, dicía Manolo Rivas.

AR: (asinte)

C: Queríache preguntar como ves neste sentido o tema das subvencións, se estamos máis subvencionados que outros…

AR: A industria cultural é unha industria que necesita estar subvencionada en todo o mundo, fundamentalmente non porque sexa un adorno, ou porque sexa un luxo, senón porque é unha necesidade e logo porque tamén aporta riqueza, riqueza incluso económica, é dicir, a industria cultural é unha parte importante do producto interior bruto, está subvencionada en todos lados i é importante que o siga estando porque é riqueza para a sociedade. En Galicia curiosamente, nos últimos anos, desde o 85, aínda que non fora ás veces unha relación moi cordial ou moi harmónica, o certo é que esa converxencia entre a Administración Pública e o sector privado é a que deu como resultado todo esto, senón non estariamos falando da industria audiovisual en Galicia. Outro problema son os modelos de xestión, xa co governo bipartito se estaba notando que as competencias audiovisuais non tiñan un modelo de xestión claro, que estaban difuminadas entre Cultura e a Secretaría Xeral de Comunicación, e paradóxicamente agora có novo governo levamos oito meses que están na mesma indefinición. Ese é o problema.

A nosa conversa non foi grabada en video. Unha mágoa, porque poderíades ver cómo foi mudando o semblante de Antón dende o xesto de extrañeza ó non saber por onde ían os tiros na seguinte pregunta, ó sorriso incontíbel cando se decatou das miñas intencións…

C: Un mira as últimas noticias musicais dos últimos tempos, e volven The Police, volve Sex Pistols, volve Blur… xa sabes o que che vou preguntar (risas, case non remato de facer a pregunta…) Vai haber revival dos Resentidos algún día?

AR: Non, seguro que non… (bebe un grolo de cervexa, non sei se para darse tempo…)

C: E segues mantendo contacto có mundo da música?

AR: Si, manteño contacto, non moi frecuente, cos compañeiros do grupo. Non, non creo que haxa revival porque todos coincidimos en que Os Resentidos é algo que nos pasou por casualidade, é o mellor que nos pasou na nosa vida, pero nos pasou por casualidade. E non, non volveríamos… eu de feito non boto de menos o mundo da música. O único que boto de menos é o de escribir cancións, que me gustaba moito, pero o de actuar e esas cousas, non.

C: Entón, botando a vista atrás, de toda a túa traxectoria, non só musical, en xeral, qué escollerías como o mellor ou o que máis…

AR: O que máis me divertín, dende logo, é coa música. A música foi tremendamente divertido, unha porque é desas cousas que che ocorren por casualidade, porque coñeces a moita xente, porque incluso todas esas lendas urbanas dos grupos de rock en xira son verdade, é ocurren cousas maravillosas nas furgonetas, e nas copas despois dos concertos, e paseino moi ben, moi ben. Pero tamén sempre fun consciente de que eso me pasou por casualidade, que eu son analfabeto musical. No grupo era ‘non toca nada, pois que cante’, i eu estaba alí porque o que quería era facer letras de cancións. Na miña familia aínda se seguen sorprendendo de que eu chegara a vivir profesionalmente de cantar porque non canto nin no Nadal, o sea que… Pero ten o encanto ese, que o pasei moi ben.

C: Pois relacionado con ese tema, eu púxenlle o nome ‘Menos mal que nos queda Portugal’ ó blog sen saber que tí inventaras aquela frase, porque para min era unha letra dunha canción de Siniestro, que está un pouco relacionado contigo…

AR: É desas casualidades. No ano 81 ou 82 eu acabei a Licenciatura de Filoloxía Galega, e naquel momento era cando empezaba a haber implantación da língua galega no ensino e nos institutos, e nos encontrábamos nunha situación paradóxica de que estaban implantando as clases de galego pero estábamos un grupo de licenciados, uns 20 ou así, sen traballo. Entón iniciamos unha serie de actividades reivindicativas, de encadenarnos na Delegación de Educación, de…

C: Esto onde, en Vigo? En Santiago?

AR: Andábamos por toda Galicia, pero… as accións que máis recordo é unha vez que nos encadeamos na Delegación de Pontevedra, e outra vez que organizamos unha sentada no medio do Obradoiro, que era moi patética porque eramos moi poucos… I eu tiña a coña, porque entre nós había, daquela había moita polémica entre os licenciados en galego entre os lusistas e os non lusistas, había entre nós compañeiros lusistas que normalmente discutíamos moito por cuestións da normativa do idioma, pero naquel momento estabamos todos xuntos pelexando por un posto de traballo. Entón eu como un guiño ós meus compañeiros lusistas empecei a gritar de broma naquela sentada “Menos mal, que nos queda Portugal!!”

C: Para conseguir traballo, vamos.

AR: Para conseguir traballo. Era unha ironía cós meus amigos lusistas. E logo coincidíu unha presentación, nun concerto de Siniestro en Rock-Ola en Madrid, i eu saín a presentalos facéndome pasar por un sobriño putativo de José Afonso, e falei en portugués e acabei berrando ‘Menos mal que nos queda Portugal’. E aquelo funcionaba. E logo ocurriu que o terceiro álbum dos Siniestro se chamou así, e a frase tivo unha popularidade grande.

C: Un tema que sempre quero tocar nas entrevistas, porque o blog fala de cultura galega e de cultura portuguesa, é qué significou na túa obra e na túa vida Portugal.

AR: Portugal….

C: Ou que referentes da cultura portuguesa nos podes dar.

AR: Portugal é un pouco un amor imposible, desde a experiencia da creación cultural. Esta tarde aínda falaba cun amigo meu portugués director de cine, estábamos intentando levantar unha coproducción, pero é un sitio que é paradoxal. Por exemplo, o único sitio do mundo onde vin eu anunciado “Los Resentidos”, así, “Los Resentidos de España”

C: …con “ele”…

AR: con “ele”, “Los Resentidos de España”…

C: …foi en Portugal…

AR: …foi en Coimbra…

C: …miña nai…

AR: …foi en Coimbra, tocando na Queima das Fitas, que é a festa universitaria da Universidade de Coimbra.

Cartaz da ‘Queima das Fitas, 2009’. Fonte: http://2009.queimadasfitas.org

Que é así. Que todo o que ten que ver con ese espazo da lusofonía tropeza coa comprensión dos outros, e hai que pensar que os outros en términos culturais, e non só culturais, terán outros problemas. Sen embargo sentín unha fascinación sempre por Portugal, versionei a Jose Afonso, Galicia Canibal se editou en Portugal, teño grabado discos en Portugal, coproducido algunhas cousas con Portugal, pero é eso, un pouco un amor imposible.

C: E por último, sobre actualidade. Sobre a batalla contra a língua do governo actual, e parafraseándote, “estamos en guerra pero hai que reflexionar”?

AR: (sorri) Si, si que estamos en guerra, nunha guerra que ademáis non contábamos. Temos que reflexionar porque ó final nos estábamos un pouco disimulando a nosa falta de coraxe na defensa do galego pois pensando que non había relativamente conflicto, que non había unha hostilidade instalada na sociedade. Pero claro, non nos dábamos conta que as políticas lingüísticas necesitan aplicación e necesitan convicción. E que ademáis son fráxiles, porque por precaria que a algúns lles poidera parecer a lexislación que había a favor do galego, xa quixeramos agora que non perigase, non? Entón eu ahi creo que debemos ser moi rotundos e sinceros na defensa do idioma, porque temos a razón histórica, estamos defendendo a diversidade e a liberdade lingüísticas. É unha mágoa que fose a dereita quen nos arrebatara a bandeira da liberdade lingüística, porque ninguén mellor ca nós pode representar esa liberdade. É tamén unha mágoa que nos opoñan o bilingüismo cando realmente os únicos individuos bilingües somos os galegofalantes. Por tanto creo que temos que ser moi activos na defensa. E tamén creo que teríamos que facer un exercicio de autocrítica en dúas direccións: unha, que toda política lingüística vale de algo, é dicir, incluso a Lei de Normalización, e o galego no ensino, aínda aplicados coa pouca intensidade que se aplicaron, si tiveron algún efecto, e por delicada que sexa a situación do idioma hoxe, tería sido peor sen esas políticas lingüísticas.

C: É que esa pregunta cha quería facer, porque me gusta facela sempre á xente que levades moitos anos ahi: pensas que o galego está hoxe peor que hai vinte anos ou que hai trinta?

AR: Non, eu non o penso. Eu creo que a política lingüística polo menos tivo un efecto de contención. E logo hai dous datos novos na historia de Galicia, que son contradictorios, pero que debemos incorporar ó noso discurso: un é que por primeira vez, en Galicia hai individuos bastantes que foron alfabetizados en galego. O falen máis ou o falen menos, ou non o falen nada, pero foron alfabetizados en galego e poden expresarse i escribir en galego sen problemas. Eso é unha situación nova. Eu por exemplo son neofalante, me incorporei ó galego ós 17 anos, e viña dun entorno castelanfalante, e os primeiros anos falaba ‘como un apache’. Agora eu noto que son moitos os individuos alfabetizados en galego. E fronte a eso hai un dato ‘jodido’, que tamén por primeira vez na historia de Galicia, nos últimos 50 anos hai moitísimos individuos que teñen como língua materna o castelán, e os defensores do galego que, cántas veces invocamos o…

C: …o galego como língua materna…

AR: …o galego como língua materna, e os aspectos derivados dos problemas de que non se respetaba a língua materna, temos que contemplar esa variable. Polo tanto temos que adecuar un discurso a unha realidade cambiante, e que logo se materializa en algo que é así: o discurso nacionalista sobre o idioma sempre estaba basado en muita enerxía ideolóxica e na suposición de que o desexable sería que o galego sustituise ó castelán. A día de hoxe é impensable, impensable que o galego sustitúa totalmente ó castelán en Galicia. É impensable unha Galicia monolíngüe en galego, e non é nada desexable unha Galicia desde logo monolíngüe en castelán. Entón, activar todos os resortes a favor do galego, medidas de discriminación positiva para o galego, todo eso é a nosa defensa e debemos utilizar a intelixencia.

Sitio distinto: ‘Estamos en guerra, pero hai que reflexionar’.
Fonte: www.todocoleccion.net

C: Unha cousa na que estamos mellor é na producción cultural. Eu sempre lle digo á xente, tí compara o que se facía, en todos os eidos, en galego hai 50 ou 100 anos…

AR: Eu cando empecei a escribir, no ano 75 – 78, cando empezamos a escribir e publicar, cada día que dábamos un recital ou presentábamos un libro tiñamos que responder a por qué o faciamos en galego. A día de hoxe, afortunadamente, case é máis fácil en Galicia facer poesía en galego que facela en castelan. En Galicia. Outra cousa é que os galegos que escriban en castelán teñan todo o mercado hispanofalante, e toda a industria editorial para eso. Pero esa é unha situación que afortunadamente evolucionou. Eu non son apocalíptico. Son crítico, pero non son apocalíptico.

C: Pois moitas grazas, Antón.

AR: Moitas grazas a ti.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *