Conversa con Xoán V. Mao (Eixo Atlântico)

(Conversa con Xoán V. Mao, Secretario Xeral do Eixo Atlântico, publicada no blog Nosquedaportugal o 6 de maio de 2010)

Publicamos esta semana a nosa seguinte conversa, con diferencia a máis extensa de todas. O entrevistado e a organización que dirixe son, probablemente, quen máis teñen feito nestes últimos 20 anos pola integración social i económica de Galiza e Portugal, e quen máis seguen a traballar con propostas de futuro para a nosa Eurorrexión.

Xoán Vázquez Mao é o Secretario Xeral do Eixo Atlântico do Noroeste Peninsular, unha asociación dos maiores concellos de Galiza e o Norte de Portugal que está a representar, desde a súa fundación hai case 20 anos, a principal ferramenta de integración económica e social de ambos países, dentro do marco da Eurorrexión que conformamos.
Eurorrexión Galiza – Norte de Portugal
Fonte: www.ub.es

Unha entrevista que reproducimos a continuación e que transcribe as máis de 2 horas de impagable conversa que nos brindaron Xoán Vázquez e Chus Torres -do departamento de comunicación do Eixo Atlântico- e polas que desde aqui lles quero mostrar o meu enorme agradecimento.

Xoan Vázquez Mao, para nosquedaportugal.
Fonte propia.


O EIXO ATLÂNTICO

Caralladas: A figura das Eurorrexións é un pouco confusa, porque non se corresponden con ningunha institución lexislativa ou executiva, carecen de competencias transnacionais, etc. Por exemplo, o Eixo Atlántico é realmente unha asociación entre concellos. Entón, quixera primeiro que nos explicaras qué son as Eurorrexións, cando nacen en Europa e con que figura xurídica se crean.

Xoán V. Mao: Primeiro, nacen arredor do ano 90, e o Eixo nace exactamente no 92. Nacen impulsadas pola Comisión Europea, daquela DG-16 hoxe DG Regio, i era director xeral un español, Eneko Landaburu. Era unha DG relacionada cos temas do territorio que xestionaba os famosos fondos Feder, os fondos de cohesión, polo que era ‘a todopoderosa DG-16’. Lanzan un documento que se chama Europa 2000, onde se identifica un novo esquema de ordenación do territorio, e daquel documento saleu máis tarde, ano 90-91, o documento determinante: o ETE ‘esquema territorial europeo’. Nese esquema, entre moitas outras cousas, falase por primeira vez das Eurorrexións: rexións europeas de territorios veciños que teñen unha serie de elementos en común.

No noso caso somos das máis antigas, dinámicas, e das que máis elementos temos en común, porque xa Galiza e Norte de Portugal fomos un territorio común no pasado, temos unha afinidade lingüística, social, etcétera. Hai outras eurorrexións máis conflictivas, por exemplo Euskadi, que non ten un homólogo en Francia -xa que o que eles falan de Euskadi Norte en realidade é unha provincia da rexión de Aquitaine- ou o norte de Irlanda con Irlanda do Norte. Pero en cambio funcionan moi ben aquelas que malia ter un pasado conflictivo, establecéronse pautas de desenvolvemento. Por exemplo, Alemaña, Holanda e Bélxica, ou Franza, Alemaña e Suiza e tamén Franza con Italia. É dicir, as máis afectadas pola Segunda Guerra Mundial en cambio son Eurorrexións que están a funcionar.

Nacen como unha forma de abrir camiño sen confrontar cós intereses dos Estados nacionais, sen alteralos nin crear novos Estados independentes. Cada un pertenece ó seu Estado, pero crease un escenario na lóxica da Europa sen fronteiras. É unha das estratexias para ir tirando as últimas fronteiras –pensa que isto foi moito antes da introducción do euro, que foi o momento determinante.

Pero son Eurorrexións virtuais, non están en absoluto lexisladas. Por que? Porque os Estados teñen estructuras diferentes. O caso de España e Portugal é paradigmático: mentras en España cada rexión ten unha autonomía que case a equipara cun lander alemán (a diferencia entre un lander e unha CCAA é a cuestión fiscal, que alá tamén está descentralizada), Portugal non ten rexionalización. Entón as decisións que aqui se toman en Santiago, alí se toman en Lisboa. E o mesmo aconteceu en toda Europa. Por exemplo, Franza é un pais con rexións puramente administrativas sen competencias, mentras Alemaña ten landers cunha capacidade total.

Cada Eurorrexión puxo en marcha o modelo que considerou máis apropiado. Hai Eurorrexións meramente locais, outras –como a nosa Eurorrexión- que son plurais, onde participan os concellos e axentes económicos locais, e o impulsa a Xunta de Galicia. E hai outras que teñen incluso figuras moi interesantes, creando Asambleas de Parlamentarios da Eurorrexión, a través dos parlamentarios que forman parte dos distintos governos rexionais.

C: Quen a fixo con esa estructura parlamentaria?

X: Hai unha entre Alemaña, Holanda e Bélxica me parece, non estou seguro porque alí hai varias.

Por outra banda, non todas as fronteiras son Eurorrexión. Por exemplo, entre España e Portugal, Castela non forma Eurorrexión có Norte, nin Andalucía có Algarve. Son sólamente a nosa, e a nova, a ACE, que colle Extremadura, Centro e Alentejo.

E dado que as Eurorrexións son puramente virtuais, non teñen competencias, ou como moito só aquelas que deleguen as rexións integrantes -e normalmente as rexións legalmente non poden facer tal. Para resolver este problema, ata agora as Eurorrexións tiñan que xogar con elementos compartidos, chegar a acordos e organizar por exemplo consorcios para a xestión conxunta. Finalmente, hai dous anos, créanse os Agrupamentos Europeos de Cooperación Territorial, as AECTs, que son unha figura que posibilita darlle corpo xurídico ‘á xestión conxunta de’ e solucionar este problema.

C: Por exemplo, entre Galiza e Portugal que AECTs existen?

X: AECTs pode haber tantas como se cheguen a legalizar, pero neste momento hai unha que constituiu a Xunta e a rexión norte de Portugal, outras que se están a tramitar entre Bragança e a fronteira con Castela, nós estamos tramitando unha para plantexar o cambio da estructura xurídica do Eixo cara unha AECT, etc. Polo tanto, agora xa hai instrumentos que legalmente poden por exemplo xestionar un consorcio de transportes.

C: Vamos, que todo é bastante complexo…

X: Si, moi complexo. Entre outras cousas porque esto foi lanzado na mellor época da Comisión Europea, cando Jacques Delors era seu presidente –o único realmente europeista- e quixo impulsar unha Europa con competencias. Despois de Delors veu Jacques Santer, que foi a época da corrupción, e despois veu Romano Prodi que foi un auténtico desatre. En fin, foi unha época bastante convulsa que servíu para que os Estados nacionais recuperaran as competencias e –o que é máis importante para eles- o control do diñeiro.

C: E o Eixo Atlántico cando nace?

X: No 92.

C: E quen está detrás de…?

X: Fernando Gomes, o que era alcalde de Porto.

Fernando Gomes, ex-autarca da Camara Municipal do Porto.
Fonte: Jornalismo Porto Net

 

Nace como sistema urbano da Eurorrexión, e de feito hoxendía aínda é o único sistema urbano organizado en toda Europa.

C: ‘Un sistema urbano organizado’ en qué sentido?

X: Nun país hai dous grandes eixos, o rural e o urbano. O rural funciona de xeito autónomo, mentras o urbano funciona como sistema. No rural non hai unha interrelación entre Melide e Becerreá, por exemplo. En cambio, o que pasa en Vigo aféctalle a Lugo, ou a Santiago. Porque son un sistema, e como tal hai unha concatenación de consecuencias. As cidades forman un sistema, e poden competir ou cooperar. E nese momento se opta porque cidades que compiten por naturaleza se convirtan en cidades que cooperen por vontade política.

Naquel momento legalízase como unha asociación de municipios porque non había outra estructura legal posible. Impúlsao Fernando Gomes, alcalde do Porto, un profundo europeísta que naquel momento era tamén eurodeputado e amigo personal de Eneko Landaburu. Cando Eneko lle comenta que se van lanzar as Eurorrexións, Fernando ve a necesidade de aproveitar o tema para impulsar un sistema urbano transfronteirizo. É consciente de que o Eixo Atlántico ten que pivotar, cando menos nos inicios, sobre as dúas grandes cidades de referencia, Vigo e Porto, aínda que despois o arco ten que subir ata A Coruña.

No 92 celébranse unha serie de reunións, na parte portuguesa funciona estupendamente porque Fernando Gomes ten unha grande capacidade mediática i é un lider indiscutible do norte, pero na parte galega non funciona en absoluto. Tanto é así que cando chega á alcaldía de Vigo Manolo Pérez, hereda a presidencia do Eixo que ostentaba naquel momento Carlos Príncipe, e a súa primeira idea –e así o dí públicamente- é deixalo porque o considera unha montaxe propagandística de Príncipe. Fraga dille literalmente que ‘o Eixo é unha boa idea, eu aguantei cando estaba en mans do Psoe, e agora que nos temos maioría imolo deixar?’, porque coincidira cunhas eleccións nas que o PP gañara nas grandes cidades galegas e tiña maioría no Eixo. Aínda que no Eixo os partidos non existen nin teñen ningún peso, afortunadamente.

Entón Manolo Pérez segue adiante có Eixo tras convencelo Fraga, i eu me incorporo naquela época; a min é Manolo Pérez quen me chama para o Eixo.

C: Naquel momento qué cidades galegas e portuguesas formaban parte do Eixo?

X: Pois teño que facer memoria… estaban as sete grandes cidades galegas, Vilagarcía e Monforte entrarían máis adiante. E por Portugal estaba Porto, Gaia, Guimaraes, Braga, Viana do Castelo que foi onde naceu… e no interior teño algunha dúbida, de Vila Real, Chaves e Bragança, dúas estaban e unha entrou máis tarde.

C: Entón pódese dicir que naceu como unha asociación de cidades precisamente polo que comentabas anteriormente de que en Portugal non hai CCAA?

X: Non. Nace na época dos fondos europeos, levábamos pouco tempo na Unión, e todo o mundo andaba detrás deles. Entón nace como un lobby para conseguir diñeiro de Europa. Nacer nace pra eso.

C: Falando en plata (risas).

X: Si, si, falando claro, ese é o gancho. Cousa distinta é que Fernando tiña moi claro que iso tiña que ir máis alá dos fondos, e que tiña que haber unha estructuración do sistema urbano transfronteirizo. E ademáis, Fernando tiña efectivamente tamén moi claro que a Eurorrexión tiña que servir como un contrapeso ante a ausencia de rexións, que era unha demanda moi sentida no norte de Portugal. Entón, non é que nazca como consecuencia dun sentimento rexionalista, pero sí como un elemento táctico dunha visión estratéxica do futuro para o Norte.

C: E cales son os obxectivos do Eixo Atlántico hoxe?

X: Ben, para iso teño que explicarche o seguinte. Cando eu chego aqui me encontro conque o plantexamento do Eixo ten unha losa pesadísima encima, que é que non ten estructura, non ten diñeiro, non ten nada…

C: …financiación supoño…

X: Si, pero ademáis é que temos a imaxe de que esto é pra conseguir diñeiro. Entón, primeira análise: “vostede paga unha cuota de 12-18 mil euros, pon as mans e recibe millóns de euros?” Home, esto non funciona así…

C: Eso é o que paga cada concello?

X: Si, bueno, eso era entón, hoxe a cuota promedio está en 18.000 euros. O Eixo non é barato, o que pasa é que é moi rentable. Pensa que as cuotas suman 500.000 euros, pero nos estamos xestionando este ano un orzamento de 3.600.000 euros. É dicir, 3,1 millóns proceden de recursos externos, 6 veces o importe das cuotas. Neste momento, con 12 persoas de staff do Eixo, máis 7 na Axencia de Ecoloxía Urbana –19 persoas contratadas en total- e 3,6 millóns de euros somos a asociación con máis orzamento e con máis estructura de toda Europa.

Entón, como che dicía, cando eu chego aqui atópome cunha losa inmensa, “esto non funciona así, parece o tocomocho, eu poño 18 mil euros e me dan 2 millóns a cambio?”, entón todo o mundo faría o mesmo… E segundo, o bacalao en Europa córtase sempre ó comezo de cada Marco Comunitario, que son periodos entre 6 e 7 anos. O próximo, no que estamos comezando a traballar, é o 2014-2020. Entón, o resto dos 6 anos que fas? Irte pra casa e volves montar a asociación dentro de 6 anos?

O primeiro que acabamos foi coa idea de que esto era para recibir diñeiro. O segundo, acabar coa idea de que o diñeiro viña desa forma: implantamos o esquema de que o diñeiro, se non é para financiar proxectos que xa teñas na túa estratexia e orzamentados, é unha desgraza. Porque o que che dan nunca che vai a compensar o que tes que meter se o proxecto non o tiñas orzamentado. Polo tanto, o primeiro que temos que ter claro son os obxectivos. E finalmente, descubrimos a grande capacidade que tiñamos cós nosos propios medios endóxenos. Simplemente, poñendo en valor os nosos recursos e compartíndoos.

A partir desa análise fixamos uns obxectivos do Eixo, que son:

– Primeiro, lobby en Europa. Pero o lobby non é só pra diñeiro, ten que servir tamén para incidir nas políticas europeas, nas estructuras, nas normativas e todo o que nos interese.

– Segundo, cohesión. Fundamental. Traballamos como un sistema de cidades máis alá dunha fronteira, e procuramos a cohesión e a competitividade. Traballamos en escala aqueles elementos que en rede teñen valor engadido: innovación, desenvolvimento sostible, cultura, pensar as cidades… E sobre todo xeneramos masa crítica: non é o mesmo a capacidade de investimento, a potencia da voz ou a capacidade de servicios que xeneres para dous millóns e medio que ten Galicia, ou 3 e medio do Norte, que para os seis millóns da Eurorrexión. De feito, constituimos a terceira área urbana da Península Ibérica, despois de de Madrid e Barcelona, e por diante de Lisboa.

– E terceiro elemento, a cohesión social, no que traballamos con programas de visibilidade, cultura, deportes, xuventude, etc.

C: Canto se avanzou nestes anos? Porque por exemplo o numero de cidades-membro duplicouse ou triplicouse, e o orzamento polo que comentas tamén.

X: Pois direiche que neste momento temos lista de espera. Porque aqui non se entra sistemáticamente, senón cada x tempo i en función dunhas condicións, porque hai que facer un traballo coherente, senón esto rompe. O feito é: por que seguen entrando máis cidades? Entran por dúas razóns: dámoslle moitísima importancia ó eixo interior. A cohesión require rebalancear o crecemento entre a costa e o interior, non pode ser que o primeiro se desenvolva a costa do interior.

C: Portugal sempre foi así, e nós tamén o estamos sendo así cada vez máis.

X: Si, bueno, pero precisamente creo que non. Có noso traballo –e non só noso, senón tamén dos alcaldes e da súa poboación- o interior está empezando a ter unha voz. En Portugal están tirando abaixo a vella teoría da ‘mancha de aceite’, que dicía que investindo en Porto, o gran Porto ía ser como a mancha de aceite que extendera os seus efectos ó interior. Está claro que eso non é así, o interior tamén ten que ter un funcionamento endóxeno.

E a segunda razón pola que están a entrar novas cidades no Eixo é que nestes anos, tamén precisamente no interior, houbo moitas vilas que empezaron a xogar o papel de sistema urbano. O sistema urbano no interior é completamente distinto: unha poboación de 30.000 habitantes no interior xoga o papel dunha de 70.000 na costa. Monforte con 30 mil é sistema urbano, Sarria con 20 mil o mesmo.

Hoxendía somos a estructura máis completa porque incluimos a totalidade do territorio de xeito equilibrado entre as cidades da costa e as cidades do interior, incluso con dúas cidades clave para facer de link entre costa e interior, que son Penafiel e Lalín.

C: E os avanzos principais?

X: Básicamente, estamos traballando en cohesión e competitividade: as novas tecnoloxías son fundamentais, traballamos en innovación, na implantación da axenda dixital local, na modernización da Administración ou en desenvolvemento sostible, onde acabamos de crear agora a primeira axencia en Europa de Ecoloxía Urbana Transfronteiriza. É un instrumento creado en Portugal -agora vaise abrir unha oficina en Galiza- que pretende axudar a todas as cidades na implantación das Axendas21, contribuir nos planes de urbanismo, planes de mobilidade, i en todas as figuras de planteamento urbano que tendan a definir cal vai ser a cidade do futuro que garantan que sexa unha cidade cohesionada e competitiva.

De feito, o noso servizo de estudos está traballando nun modelo, ‘pensar a cidade do século XXI’, que analiza as claves que sirvan ós alcaldes para tomar decisións. Porque as cidades están tan inmersas no día a día da xestión que teñen apenas tempo de resolver os problemas según chegan, pero non de planificar para evitar que esos problemas cheguen. Por exemplo, un tema que en breve vai a sair lexislada pola Xunta, é un plan para convertir a bicicleta nun medio de transporte non sólo urbano senón interurbano para todo o país.

C: Eso en Galiza xa veremos se resulta…

X: Bueno, o tema da bicicleta ten unhas certas condicións: non é o mesmo Vigo que outras poboacións, pero é tamén un tema de cambiar a mentalidade da xente, crear os recursos e vías específicas. Pero claro, este é un tema que non podes poñerte a deseñalo cando xa tes a cidade definida, ‘e agora por onde meto o carril bici?’. Tes que plantexar primeiro: por exemplo, se o concello vai facer obras na cidade, mudar as aceiras, deseñar barrios novos como en Vigo o caso de Navia. Ben, pois nese caso tes que contemplar xa a fibra óptica, os carrís bici, e toda unha serie de elementos. Por exemplo, Vigo é o paradigma do caos: unha cidade onde a estación de autobuses e a estación de tren están cada unha nun extremo da cidade, e non hai forma de conseguir que se poñan dacordo nestes momentos para, aproveitando que se vai facer unha estación nova se faga tamén a de autobuses.

Hai que planificar as cidades. Outro exemplo moi claro: o centro de saúde colócase onde o concello ten un solar libre, non onde viven os usuarios. Có cual estamos obrigando á xente a coller o autobús ou o coche para ir ó médico. Hai que mudar ese paradigma: se hai que conmutar terreos haberá que facelo, pero o centro de saúde ten que estar onde esté a poboación que se vai beneficiar del. Pois esto, que é un pequeno exemplo en escala, é o que estamos traballando no ámbito de ‘pensar a cidade’.

E a nivel de ordenación territorial, o esquema é máis amplo. Estamos impulsando asociacións voluntarias de concellos, que son concellos veciños que sumen masa crítica e xoguen un papel no sistema urbano. Por exemplo, Galicia Central, que foi impulsada polo alcalde de Lalín, son catro concellos veciños cada un dunha provincia diferente, que se xuntan para ter masa crítica para compartir recursos, xenerar investimentos, xenerar servizos, etc. Así reivindícan transporte colectivo, determinadas vias de comunicación, etc.

C: Que concellos son?

X: Lalín, Melide, Monforte e Carballiño, son os catro veciños.

C: Pero están relativamente lonxe, non?

X: Non, son veciños, lindan entre eles.

Home, pegaos pegaos non están, pero pouco falta.
Fonte: elaboración propia no Paint (e ben tempo que me levou!)

E hai outros concellos máis distantes que forman o que chamamos Galicia Interior: Sarria, Monforte e O Barco de Valdeorras. Son o arco que envolve unha parte da Galicia profunda que ten unhas inmensas potencialidades que non se están poñendo en valor. Temos que convertir a debilidade en fortaleza: por exemplo, a Galicia Interior ten unhas potencialidades de turismo extraordinarias sempre que saibamos crear un turismo sostenible e ata certo punto proteccionista, a través de turismo rural, campings, etc, de xeito que se poña en valor toda esa zona. E iso non quita que poida ter tamén un desenvolvimento industrial, mentras se respeten as zonas protexidas, que a industria non ten que ir sempre asociada a unha destrucción do medio ambiente, todo depende de qué tipo de desenvolvemento se faga.

E dentro deso, hai outra estructura que é a Eurocidade Chaves – Verín, creada desde a base polas propias cidades, e que nós o que fixemos foi asumila, a petición deles, para poñela en valor. Unha eurocidade é un laboratorio de cómo resolver todas as contradiccións da fronteira para logo exportalos a toda a fronteira. Qué quere dicir ‘as contradiccións’? A fronteira non existe, pero existe. Existe porque é o límite da parte administrativa de cada Estado. O exemplo máis claro son as telefonías: ata aqui é Telefónica e a partir de aqui é PT. Chamo a un cliente a 500 metros e pago conferencia internacional, chamo a un cliente a 2.000 km i é tarifa plana. Tamén ten que ver coa competitividade das empresas da fronteira e polo tanto có seu desenvolvemento económico.

Ponte Romana de Trajano em Aquae Flaviae (Chaves).
Fonte: alemdominho.blogspot.com

C: E cando falas de trasladar este modelo, falas por exemplo de Tui e Valença, dos que estes días estase a falar moito?

X: Si, si, claramente. Nós a esto o chamamos cooperación de segunda xeneración. Ata agora fíxose a gran cooperación: as grandes ideas, os paradigmas. Foi necesario e funcionou moi ben, porque había unha relación de incomprensión, non hai máis que ver as bromas que se facían de portugueses e galegos, cunha certa xenofobia. Todo iso foi superado, fantástico. Pero agora temos que baixar á terra, falar dos problemas cotiás: o transporte, a saúde, a educación. Por exemplo, Chaves ten un conservatorio, Verín non. Pero os alumnos de Verín non poden ir a Chaves porque non homologan os estudos. Eso na Europa de Bolonia.

C: Si?? Aínda hoxe, co modelo Bolonia?

X: Si, si. O tema da saúde igual: ti sabes que aínda hoxe unha ambulancia galega non pode entrar en Portugal se está máis perto dun ferido, ou viceversa, por un problema de homologación de sirenas e cores? É ridículo.

Chus Torres: Os bombeiros ata hai pouco.

X: E aínda hoxe, o acordo de loita contra os incendios permite entrar non sei se son 10 quilómetros…

C.T.: 20 quilómetros

X: 20 quilómetros, se o incendio é a 20 km e medio, a ver se chegas coa mangueira. É surrealista! Por exemplo hai anos cando caeu a ponte de Castelo de Paiva, falou comigo o responsable de salvamento da Xunta, Fernando Novoa, “imos poñer a disposición dos portugueses os nosos helicópteros rápidamente”. Pois tiven que falar coa Xunta, a Xunta con Madrid, Madrid con Lisboa, e Lisboa con Porto para que o helicóptero puidera axudar. O tema da delincuencia fronteiriza pasa o mesmo. Hai un crime en Vigo, e o policía de aqui tiña que falar con Madrid, pra que falara con Lisboa, pra que falara con Porto. Cando se poñía en marcha a policía xudicial portuguesa o criminal xa estaba en Brasil. Asi ata que se creou unha comisaría conxunta.

C: E o mesmo feito de ter aparecido o Eixo Atlântico e as Eurorrexións pode facer que de cara o futuro todos estes temas lexislativos e administrativos se vaian pulindo?

X: Efectivamente o feito de estar supón dúas cousas: un, a presión que fas coa túa estratexia. Pero dous: fas presión só con estar, porque estás colocando sobre a mesa unha serie de cuestións que senón non estarían. O xogo consiste en poñer en visibilidade aqueles problemas que queres que muden. Por que os veciños de Valença conseguiron colocar o seu problema sobre a mesa, por ser máis grave que outros? Non. Porque fixeron unha estratexia mediática caralluda, e conseguiron có tema das bandeiras chamar a atención de todo o país. Se non houbesen feito o das bandeiras, ninguén en Portugal se enteraba do problema.

C: Cambiou a cooperación estes anos?

X: Absolutamente. E hoxendía todo o mundo nos recoñece un papel determinante. Non somos os únicos, pero como se o foramos: non teño ningún pudor en dicir que os catro anos de Touriño foron absolutamente lamentables. En catro anos houbo dúas reunións e ningún tipo de acordo. Só crearon unha AECT que nin sequera foron capaces de poñer en marcha. Neses catro anos o único referente eramos nós: mantiñamos actividade, faciamos reunións, faciamos lobby… Na eurocidade, por exemplo, sí tivemos un gran apoio de Mendez Romeu, e nós lle estamos moi agradecidos porque él sí veu as necesidades da eurocidade.

Máis exemplos da cooperación de segunda xeración:

– O transporte é fundamental. Somos 6 millóns de habitantes e non temos transporte para comunicar o Norte có Sur? Impensable. Ti te imaxinas que non houbera transporte entre A Coruña e Vigo? Pois entre Vigo e Porto non hai, dependes do teu coche privado. Agora hai unha liña de transporte que che leva ó aeroporto, pero non podes parar en Braga, Guimaraes… En Chaves hai liña urbana, en Verín non hai nada. Estamos intentando que o transporte urbano de Chaves chegue ata Verín, superando uns elementos legais e uns custos que a Xunta pagará.

– En saúde, se unha rexión ten un recurso e a outra non, fagamos como Elvas e Badajoz: as mulleres de Elvas van con pleno dereito ao hospital de Badajoz a dar a luz. Por qué? Ó governo portugués non lle compensaba abrir unha maternidade, mellor pagarlle a Badajoz. Nós plantexamos: cóllase unha franxa da ‘raia’ –que é unha palabra moito máis bonita que fronteira- de 10, 20 quilómetros e atendamos esa poboación conxuntamente entre Sergas e a dirección regional da saúde: para esta poboación, un centro de saúde, perfecto. Onde, en Valença, en Tui? Onde sexa, pero para todos. Que os de Tui lle prestan servizo ós de Valença? Moi ben, logo os de A Cerveira llo prestan a Tomiño, por exemplo.

– E no futuro imos plantexar centros conxuntos como os que se fixo coa comisaría conxunta en Tui. Solucionou moitísimos problemas: agora cando hai un delito, o policía galego xa non ten que chamar a Madrid, vía delegación do governo. Vai ó despacho do lado onde está o policía portugués e tramitan. Pasa o mesmo có Eurex, a primeira oficina transfronteiriza que existe na Península Ibérica. Pois fagamos o mesmo cos centros de saúde, o transporte, a educación… Ata agora os galegos para ir estudar a Portugal tiñan que ir polo cupo de extranxeiros, que é moi restrictivo.

C: Para rematar a parte da entrevista sobre o Eixo Atlântico, e como resumo, principais atrancos que tedes atopado, e que lle pediriades ás autoridades galegas e lusas pra seguir avanzando?

X: Os atrancos sempre teñen que ver coa marcha dos Estados e as alcaldías. Os alcaldes van pra diante ou para atrás en función da personalidade de cada alcalde.

C: Co cual en breve ides ter unha boa revolución, bueno, dependendo de se siguen os mesmos ou non nas vindeiras municipais…

X: Si, si, bueno, imos ver, o primeiro é a norma, e logo individualizamos. Esto ten que ver coas persoas, e cada alcalde ten a súa personalidade. O problema é que a xente tense que dar conta que esto é un xogo entre pares, e ten que haber un diálogo. Nalgúns casos hai líderes cando se dan condicións de liderado, como se deu con Fernando Gomes. Por exemplo, un alcalde que ten un liderado inmenso no resto dos colegas polo seu carácter é o alcalde de Santiago.

C: Pensaba que ías dicir o de Lugo, porque ten bastante boa prensa…

X: O de Lugo ten condicións pra telo, pero nos temas do Eixo sempre tivo unha participación menor. Pepe Orozco é un tipo querido e respetado porque ten un discurso moi conciliador, pero non está tan metido no Eixo como Pepe Bugallo. Unha mostra: mentras Vigo e Porto son membros natos da comisión executiva do Eixo, a outros concellos hai que elexilos, e Bugallo leva non sei cantos anos sendo elixido porque Pepe é un tipo moi querido pola súa sensatez, porque entende que esto é un xogo entre pares. Hai outros alcaldes en cambio que son máis polémicos porque pensan que por ser alcalde dunha determinada cidade teñen que ter un liderado nato que os demáis non lle recoñecen.

U-lo líder?
Fonte: www.elcorreogallego.es

Portugal é un sitio moi estable, apenas houbo cambios nas últimas eleccións. En cambio aqui as variacións si nos teñen xenerado máis tensións, especialmente Vigo. Vigo é unha cidade clave, a maior do país, ten un peso determinante na Eurorrexión, e ó tempo é a cidade máis inestable políticamente de todas as que temos. Unha cidade que che cambia de alcaldía cada 3 ou 4 anos…

C: Ou menos!!

X: Ou menos, nalgún caso. É unha cidade moi complexa. En Vigo desde que estou no Eixo pasaron Manolo, Lois, Ventura, Corina e Abel, cinco alcaldes, con perfiles moi distintos, equipos e políticas con respecto ao Eixo moi diferentes… En Portugal recentemente houbo eleccións pero só cambiou un alcalde. En Galiza nestes momentos as enquisas están moi abertas, pero en todo caso a única cidade que podería afectar un cambio sería Vigo.

En canto ós Estados, ahi sí son moi determinantes. Eiqui vivimos tres momentos, na época de Fraga eramos rivales, pero se nos respetaba, e traballábamos tranquilamente.

C: O Eixo era rival da Xunta?

X: O Eixo e a administración local sempre son rival de todo o mundo. O que pasa é que na época de Fraga houbo 2 momentos, un cando era responsable da Eurorrexión Yuste, que foi un momento de confrontación, veíanos como rivais, e logo un momento moi bó con Xesús Gamallo, no que incluso nos integramos na comunidade de traballo. Non se fixeron grandes cousas, pero a cousa funcionou ben. A época de Touriño foi un permanente suplicio, unha zancadilla detras doutra, só apostou por nós Méndez Romeu, e tamén tiñamos unha boa relación con Pachi e Medio Ambiente.

C: Sorpréndeme unha cousa, i é que case todos os alcaldes, polo menos os das grandes cidades, eran do Psoe.

X: Sería moi indiscreto pola miña parte decir que…

C: Eu non che quero meter en temas espinosos…

X: … ás veces a afinidade política xenera problemas. Non era ningún secreto as discrepancias entre o Presidente da Xunta e algún alcalde dunha cidade importante do seu propio partido, estaban todos os días nos medios de comunicación.

Ademáis, era un bi-governo, o que faciamos con un tiñamos problemas có outro, e non sabiamos moi ben cal era a interlocución. A parte socialista do governo non quería que a parte nacionalista entrara en Portugal, nin se metera en temas exteriores; esas eran instruccións que viñan de Ferraz, porque había unha mala experiencia con Esquerra Republicana, que leva exteriores en Catalunya. O Bloque estaba constantemente querendo facer cousas en Portugal, e polo tanto había boa relación nosa con eles. Ó final o tema foi moi desigual, houbo ámbitos nos que traballamos razonablemente ben, outros que foron tremendamente conflictivos. E o Presidente da Xunta era unha persoa moi desconfiada, cunha certa tendencia a ver inimigos por todas partes -non é ningún secreto como acabou no seu propio partido- e nós non fomos unha excepción.

E nestes momentos a relación cambiou completamente, e por primeira vez hai unha Xunta que nos trata como aliados. Temos 4 convenios para traballar en candidaturas conxuntas a fondos europeos para non dividir os esforzos en áreas tan estratéxicas como turismo, innovación, desenvolvemento sostible, ordenación do territorio… Hai unha mentalidade distinta. Estiven en Bruxelas cando foi Alberto Núñez, e alí fixo un chamamento a crear un lobby galaico como paso previo a un lobby no que participen os portugueses. Alí estaban eurodeputados de todos os partidos e sensibilidades, e calou a mensaxe. Nós nese sentido, a pesar de diferencias políticas que poida haber con algún dirixente do Eixo, a relación có Eixo como tal está sendo extraordinaria, a un nivel que non tivemos nin con Fraga nin con Touriño.

C: E que lle pides ás autoridades lusas e galaicas?

X: Pedímoslle basicamente que lembren que existe unha fronteira. Póñoche un exemplo: unha cimeira ibérica con Franza dura dous días, van 5 ou 6 ministros de cada lado, con acordos importantes como o hospital transfronteirizo de Puigcerdà, ou a conexión da alta velocidade, etc. Unha cimeira entre España e Portugal dura medio día, veñen un par de ministros, saúdanse, inauguran unha maqueta e vanse. É unha foto simplista, pero se comparas os resultados e os tempos daraste conta da diferencia de importancia que se lle da a Franza e a Portugal.

O actual governo no inicio da súa primeira lexislatura pasou 600 millóns de euros da fronteira hispano-portuguesa para o programa de vecindade có Magreb, que beneficia a Levante e Andalucía. Tiñamos 830 millóns de euros para o programa de cooperación transfronteiriza e quedamos con douscentos e pico. A Portugal se lle perxudicou moitísimo, e ademáis ten un marxe de actuación moi pequeno porque está mal deseñado en Bruxelas: Portugal recibe moitos menos fondos Feder que España porque ten moita menos extensión e poboación. Polo tanto, o diñeiro da fronteira non é igual: Portugal recibe un euro por cada 3 que recibe España, o cual non fomenta a cohesión. As inversións de maior valor engadido están sempre do lado de España, o que fai que a parte española teña unha man de obra cualificada. Conclusión: o diñeiro de Portugal vai para a fronteira; España elixe pra que fronteira vai, e ten 3: Franza, Portugal e o Magreb, que se chama programa de veciñanza, non de cooperación transfronteiriza, pero é a mesma historia.

POLÍTICA ECONÓMICA E REDES: AVE, PORTOS, AEROPORTOS, LINGUA…

C: Pois ata aqui as preguntas relacionadas máis directamente có Eixo Atlântico e o seu funcionamento, agora quería aproveitar para che facer algunhas preguntas sobre a actualidade galega e portuguesa.

Estas últimas eleccións en Portugal percibin que foi case a primeira vez que en Galiza a xente se interesou polas eleccións en Portugal, i eu creo que foi fundamentalmente polo AVE. Entón, ti que estás máis ó día, cómo está o tema do AVE, cando vai chegar, estanse cumplindo os prazos…

X: A xente interesouse por Portugal non polo AVE, o AVE foi a excusa. Interesouse porque foron as eleccións máis mediáticas en Galiza, que non é o mesmo. A xente interésase porque os xornais se interesan. E os xornais interesáronse… polo tema do AVE? Pois se me apuras polo tema do AVE e polas boutadas de Manuela Ferreira Leite. Se esta señora non dixera as tonterías que dixo no debate…

C: Pero xa antes do debate se lían artículos, e tal na prensa.

X: Si, pero o nivel dos ataques virulentos desta muller, que de feito lle costaron gran parte do resultado, foron o que motivaron cando menos en España… En Galicia é distinto, aqui sempre hai un seguimento, porque de feito antes do debate eu xa recibira a 3 medios distintos que viñeron pra que lles dera contactos en Portugal.

Cómo está o tema do AVE? Imos por partes. Primeiro vouche falar dunha estratexia. Esto é a Península Ibérica, verdade? (fai un debuxo da Península e marca as cidades de Lisboa, Madrid e Barcelona) Aqui está Lisboa, aqui está Madrid e aqui Catalunya. O mapa pode non estar moi ben debuxado, pero se colles un que estea ben debuxado (colle unha regra) podes facer o que vou facer eu a continuación.

Iberia norte vs. Iberia sur, e mapa do AVE
Fonte: curso autodidacta acelerado de Paint, 1.

Esta liña recta divide a Península en dúas metades: o Mediterráneo –ainda que o cacho do Algarve sexa Atlántico- que é a parte pola que, xa desde o governo de Aznar, apostouse polo desenvolvemento. Lembras aquel famoso documento tan polémico pedindo que todo o investimento fose aqui? E logo o Atlántico, onde imos sobrevivindo como podemos. Se vas a Madrid, á Estación de Atocha, vaste atopar coa fotografía desta realidade nas pantallas do AVE. O AVE vai a Valencia, Barcelona, Tarragona, Sevilla, Málaga, Córdoba… Busca AVEs ó norte.

C: A Valladolid.

X: É todo o que hai ó norte, a Valladolid. Pero ó sur tamén hai a Toledo, é dicir, estamos falando que Valladolid é o interland de Madrid. Búscame un AVE a Euskadi, a Cantabria, Asturias, buscamo a Galicia.

C: A Porto…

X: Polo tanto, coidado con esta teoría porque aqui estase seguindo fielmente un guión que levamos tempo avisando: esto non é casualidade, non é un capricho dos governos; responde a un guión e a un lobby. Galiza nestes momentos, e a expensas de que o tempo confirme ou desminta o que che vou a dicir, por primeira vez ten un líder. Fraga foi líder cando chegou, se non fora que se entedía con Felipe, que tiña unha visión de Estado e tal, as autoestradas non se houberan feito. Nos últimos anos, Fraga era el abuelito cebolletas, xa ninguén lle escoitaba. Touriño estaba peleado con Zapatero e con todo o mundo, evidentemente nunca foi un líder. Feijoo pode ser un líder, ten unha imaxe en España extraordinaria. O outro día no Obradoiro pasou vintetantos minutos facéndose fotos, chegou un momento que había unha cola literal de turistas españoles, non eran galegos, pra facerse unha foto con él, e provocou un problema loxístico. Alberto pode ou non pode consolidarse como líder, leva un ano e o tempo dirá, pero volve haber unha persoa con capacidade que se lle escoite en Madrid.

Porque o gran problema de Galicia foi sempre a falta de liderado. Por exemplo, no plano empresarial: un líder empresarial catalán vai a Madrid, monta unha conferencia nun foro, i é actualidade política o que vaia dicir. Un líder empresarial galego non sae, e se sae non se lle coñece!

C: E temos dous ou tres que poderían se-lo.

X: Efectivamente, teñen condicións, pero de feito non o son. Por que? Porque temos unha ausencia de liderado. O mesmo acontece na administración local, estamolo a ver no asunto das caixas: non hai un liderado nítido, senón unha confrontación entre alcaldes de cidades importantes. Abel non é un líder galego. Losada tampouco. Pepe Bugallo, sendo o alcalde da capital e probablemente o alcalde con máis quorum social, aínda non é unha persoa de referencia no país, porque Pepe sempre circunscribíu a súa estratexia á cidade de Santiago e á proxección da cidade -cousa que fai espectacularmente ben- pero nunca xogou a ser un líder galego. Entón dime un líder municipal galego, un alcalde que teña un peso no exterior como tiña Maragall, ou como ten Gallardón.

C: Xa, pero é que tampouco temos en Galiza unha cidade como para que o seu alcalde sexa tan líder a nivel exterior, ó mellor sí deberamos ter a nivel empresarial…

X: Fálame de Valencia, a alcaldesa de Valencia…

C: Bueno, Valencia é unha cidade de máis de medio millón de habitantes.

X: Non é moito máis do que ten Vigo e a súa área de influencia.

Chus Torres: Córdoba, tamén.

X: A alcaldesa de Córdoba, na época na que era Rosa Aguilar, ou na que era Anguita, por exemplo. Galicia ten un déficit tremendo de liderado.

C: E a nivel empresarial por qué temos tamén ese déficit?

X: Pois eu creo que por esa fragmentación típicamente celta que temos, ese localismo. O localismo forma parte da estructura sociolóxica galaica.

C: Temos un Inditex, temos un Pescanova, temos…

X: Si, pero non xogan. Viches algún dos grandes empresarios galegos a nivel mundial, que os temos, participar activamente nalgún foro empresarial?

C: O de Inditex é un home que anda desaparecido por completo.

X: Amancio Ortega non participa nada destas cousas. Paz Andrade, os Fernández, Zeltia… Os grandes dirixentes empresariais con presencia externa non están nestas plataformas nin participan, por qué? Pois ó mellor porque hai unha visión demasiado localista tamén da política empresarial. O vemos coa política das caixas: os empresarios non están definindo un modelo de caixa pensando no país, están pensando nos seus intereses persoais.

C: Pensando onde van poñer a sede.

X: Nin sequera. Eso pode afectar a algún alcalde, pero agora estase descubrindo que hai empresarios con papeles de liderado que están tendo posicións curiosas no tema das caixas que teñen ata catro créditos a interés cero. Claro, eso explica as reaccións que están tendo! O debate dos empresarios está sendo o debate do modelo financeiro que este país necesita? Non, está sendo o modelo dos seus intereses personais. Con eses esquemas, como queres que teñan eco en Madrid: “este que me vai contar, a película de cómo lle deron unha concesión, ou ven aqui a facerlle a pelota ó Ministro porque está pendente de que lle dean unha obra ou tal”. Ninguén ten interese en falar diso.

Isto mesmo está ocorrendo no norte de Portugal, e está tendo un reflexo claro nas obras públicas. Non temos capacidade de presionar, e se o governo ten que elexir, vai levar o tema onde lle interese e onde lle presionen máis, sobre todo un governo necesitado de pactos nun momento de crise. Polo tanto o problema do norte é a falta de liderado. Desde que Fernando Gomes deixou o Norte non volveu a ter un líder. Agora mesmo hai dificultades para identificar lideres no ámbito político, empresarial, cultural, autárquico do norte portugués. E dime líderes galegos que poidan ir a discutir cun ministro en clave de país, non en clave de reivindicacións locais. Eu creo que eso é o fundamental.

C: Volvendo ó AVE…

X: Volvendo ó AVE temos que ter presente a realidade. Primeira realidade: Portugal lanza un modelo, na época de Valente Oliveira, que chaman a T deitada. Porto – Lisboa, e ó sur de Aveiro saída hacia madrid por Castelo Branco e Salamanca.

O T deitado, o L e a ‘pi’ deitada.
Fonte: curso autodidacta acelerado de Paint, 2.

Posteriormente o governo Aznar lle cuela un gol ó governo de Durao Barroso de tres pares de narices, na cimeira penso que foi de Évora. Álvarez Cascos, por intereses españoles e compromisos có PP extremeño, convirte a T deitada nunha L, Porto – Lisboa e saída polo Texo ligando có AVE de Andalucía, que para España son menos quilómetros de vía.

Entón os portugueses, para tranquilizar o tema, o que ata agora era a T deitada e pasa a ser unha L, lle chaman a ‘pi’ deitada, salindo tamén por Porto. Só que ésta é un ‘engañabobos’, nas condicións do país, e atravesando unha rexión cunha orografía moi complexa na Serra… é practicamente imposible. Vai haber ‘pi’ deitada, pero vai ser por Vigo. Será Vigo – Cerdedo ou Vigo – Santiago, pero a saída a Europa de Porto ten que ser Galiza. Porque de Porto a Lisboa hai 300 quilómetros, de Porto a Santiago hai apenas 200 ou por Vigo só 150. Ó final a saída norte ten a importancia de que vai ser a saída de Porto, claramente.

E vai ter unha segunda importancia: vertebra todo o territorio, e a vía permite –como xa está pasando entre Santiago e Coruña- que pasen outro tipo de trenes, porque interesa que se formen nexos e che poidan dar o servizo Porto – Vigo en 45 minutos. Non queremos que o tren vaia a 350 km hora, queremos que vaia a 220 porque temos unha cidade cada 100 km, que é o modelo de TGV que une Paris con Nantes ou Rennes, válenos perfectamente. Necesitamos un tren estructurante, non un que vaia de Santiago a Lisboa parando só en Vigo e Porto.

C: Vai ser de pasaxeiros só ou vai ser mixto?

X: Bueno, ahi xa hai máis discusión.

C: Cal é a situación agora mesmo do AVE Porto – Vigo?

X: O retraso que anunciaron as autoridades portuguesas este ano é o retraso que xa coñecíamos e que ninguén quixo asumir. A comezos do ano pasado fixen unhas declaracións no Correo Galego que saíron en primeira páxina, donde dicía que o AVE estará en 2015 si ou si. E o dixen simplemente porque foi o que dixo a Secretaria de Estado portuguesa no Parlamento de Lisboa. Como Touriño dixera 2013 estaban cabreadísimos, me mandaron mensaxes e tal. Pero se en Portugal xa se sabía que vai estar o 2015, por qué aqui se empeñan en dicir 2013?

Polo tanto o único que fixeron foi poñer por primeira vez por escrito no PEC, o Plan de Estabilidade e Crecemento, a data do 2015. O tema vai i é irreversible porque nunha reunión hai anos coa vicepresidenta da Comisión Europea, Loyola de Palacio, conseguimos que a liña de alta velocidade da Eurorrexión entrara nas liñas prioritarias europeas; por eso Europa está aceptando retrasos sen afectar ós fondos, alo menos ata certo punto. Polo tanto, vaise facer, haberá fondos e Europa aguantará (ata certo punto). Entón de que depende o asunto? Básicamente deste problema ó chegar á fronteira:

Alternativas ó trazado do AVE Porto – Vigo.
Fonte propia

A liña actual de Vigo a Porto vai pola costa, por Viana, a versión cutre do Shangai Express que pra facer 150 km bota 3 horas, un tren ó día. Pero Porto ten unha liña nova de boas prestacións ata Braga, e ten o Alfa Pendular que logo sigue a Lisboa a velocidades de 185 km hora. Por que tarda case 3 horas pra facer 300 km? Porque a mesma liña a comparte con rexionales e mercadorías. Pensan facer un desdoblamento da liña, pero vanno deixar para a última fase porque teñen xa unha (nunhas condicións que non son óptimas pero son suficientes, porque en 3 horas vas de Porto a Lisboa, mentras o avión entre que vas ó aeroporto e tal che leva máis de 2 horas). Entre Porto e Braga a liña tamén existe, só teñen que convertila en alta velocidade.

Pero entre Vigo e Braga non hai nada. Absolutamente nada, non existe liña. Polo tanto para nós esa é a prioridade. Agora mesmo válenos calquer cousa que conecte Vigo con Braga, porque ainda que os trens viaxaran a 100 km hora ata Braga, que é ridículo, chegaríamos a Porto nunha hora. Entón o problema está ó chegar a Valença. O governo portugués ten que convencer á súa cidadanía do AVE, porque houbo unhas voces bastante demagóxicas, entre elas a do principal partido da oposición…

C: E agora como están con estes ataques especulativos a moeda…

X: Xusto. E provocaron na xente ese temor de dicir “cómo imos gastar diñeiro se non o temos?”. Precisamente, agora é cando temos que facer investimento productivo para sair da crise!!

Ademáis está o discurso centralista de Lisboa. Portugal é un país tremendamente centralista, onde Lisboa acumula un ratio de poder económico e político que non se da en ningún país de Europa. É unha loita Porto – Lisboa onde non se collen prisioneiros. Entón cando fan este discurso non o fan contra as infraestructuras de Lisboa, senón contra as de Porto. Por iso é un suicidio que apoiemos inconscientemente esa lóxica de Lisboa atacando Sá Carneiro, porque lle estamos facendo pinza.

O problema é que o governo español non acaba de sair de Vigo. Estaba paralizado a declaración de impacto ambiental, leva varios anos paralizado, agora acaba de encargar unha nova.

C: Entón, o AVE que vai chegar no 2015 é o de Portugal, o de aqui aínda está por ver?

X: Non, o problema é que os portugueses lle din ó seu governo:“vostede está seguro que van facer o AVE de Vigo á fronteira, non?”. Porque claro, non vou facer o gasto dunha liña nova, cun terreno orográfico moi complexo entre Braga e Valença, se chego alí e vostede non está. Como llo explico á miña xente?

Eu levo anos avisando nos medios de comunicación que o problema non está en Portugal, está aqui. Están furando ata chegar á vía norte, perfecto. Pero agora van expropiar un terreno onde van a desmontar as tuneladoras. Van desmontalas e volvelas montar, co custo que ten? Eso quere dicir que durante un tempo vai estar parado, polo tanto a saída sur de Vigo está cun enorme interrogante. E onde está a ponte sobre o Miño? Cando se reunen pra falar da estación internacional de Badajoz, porque non se reúnen tamén pra falar da ponte sobre o Miño? Ese é o problema do AVE.

C: Respecto do Sá Carneiro, tes dito noutros medios: “A batalla de Galicia contra o Sá Carneiro non será tal porque xa está perdida”. Defendes a integración do sistema aeroportuario galego no Sá Carneiro, e quería preguntarche por que –aínda que xa contaches algo- e cómo funcionaría esa integración.

X: A integración funcionaría levando ese comité de rutas que crearon en Galiza ao ámbito transfronteirizo. O modelo a seguir é o de Londres, onde teñen City, Stansted, Heathrow e Gatwick, e non se pelean entre eles. Nós temos aqui tamén no noso territorio un dos aeroportos máis modernos de Europa. Se a nós nos dixeran que en Galiza se ía crear un aeroporto onde se investisen 19.000 millóns non estaríamos contentos –máis alá de pelexarnos por onde se crearía, claro. Si, non? En cambio se crea, danos servizo, pero como está ó outro lado dunha fronteira que non existe, facémoslle a guerra? Eso non é razoable.

Temos 4 estructuras: imos coordinalas, e especializalas. Os aeroportos teñen que seguir unha lóxica que non se está seguindo. Por exemplo, Vigo está pelexando por voos a Londres, qué pasa, aqui imos todos facer compras?

C: Si, porque xa hai en Santiago e xa hai en Coruña.

X: En cambio, ninguén está reivindicando Frankfurt. Frankfurt é un dos principais hubs por exemplo para as tripulacións das nosas pesquerías. Sabes canto gasta ó ano Pescanova nos intercambios de tripulacións? Hai barcos que están todo o ano na zona austral, Arxentina, Sudáfrica, Seychelles… as tripulacións van e veñen, e pra facelo teñen que facer tres ou catro escalas. Con Paris tamén ten sentido que se fagan voos desde Vigo, pola Citroen. En cambio, os tres aeroportos estanse a pelexar por ter todos voos a Londres, é ridículo. Tampouco temos ningunha comunicación có leste Europeo, que é un dos grandes escenarios para os nosos empresarios. Non temos comunicación có norte industrial de Italia, có Mediterráneo moi pouco.

Mentras, Santiago é o aeroporto turístico por excelencia. O que temos que ter é un bó AVE pra que a xente que veña de Santiago, veña logo a Vigo, ou a Coruña, porque leva media hora.

C: Pero hai que conectar eses AVEs cós aeroportos.

X: Ese é outro problema, a intermodalidade. Un problema que España non quere ver e Portugal está vendo: Sá Carneiro vai ter estación debaixo, os aeroportos galegos ningún. Todo o máis Santiago vai ter unha lanzadeira. E non o quixeron ver, cando por exemplo Vigo tiña condicións; se en Vigo se colocara a estación de tren no exterior, porque a cidade vai crecendo, o tren en vez de entrar en Vigo podería terse comunicado có aeroporto. É un problema de visión estratéxica, cortoplacista.

O aeroporto é un transporte ligado á personalidade da cidade. Santiago é unha cidade turística referencial en todo o mundo, deixen que os vóos veñan a Santiago, que é o atractivo, e despois que a xente vaia a Vigo e Coruña en tren. Mentras, Vigo é a cidade industrial, logo o aeroporto de Vigo ten que ter esa lóxica industrial. Vigo ten pesca, logo teremos que buscar escenarios de pesca. Agora por exemplo Vigo vai ser unha base de cruceiros, haberá que establecer comunicacións en función deses viaxes. Os cruceiros rematan en Copenhague? Haberá que establecer rutas con Dinamarca para devolver eses paxaseiros. E Coruña exactamente igual. E logo hai outras lóxicas distintas, como a comunicación diaria con Madrid ou Barcelona, que a poden ter todas as cidades, alo menos ata que exista o AVE.

C: Outro tema. Brasil. Portugal e Galiza cooperamos ou somos competencia?

X: A relación de Portugal con Brasil xa está perfectamente definida desde hai séculos i é fluidísima. En canto a Galiza, Brasil é a mostra máis absoluta da nosa miopía política, a uns niveis alucinantes. Algúns dos grandes eventos que van a marcar os próximos anos a nivel internacional van ser en Brasil: Mundial de fútbol en 2014, Olimpiadas en 2016, e están traballando tamén no tema dunha Expo. Nós podiamos ter acceso a ese escenario a través da nosa porta privilexiada que é Portugal. Estamos dando algún paso? Hai unha mínima estratexia nese sentido? Non.

Hai anos o Partido Popular español invitou ós líderes do seu partido homólogo en Brasil para un congreso, e os brasileiros chamaron ós seus homólogos do PSD portugués para preguntarlles “imos a esto?”, e de paso pedirlles que tamén estiveran para avalar un pouco a operación. Se a nivel empresarial estamos constantemente atacando a Portugal, que si o Sá Carneiro é o inimigo, que se cando veñen lles poñemos multas, que si tal… e logo chegas e dis “ah, oye, pero para lo de Brasil bótame unha man”. Evidentemente, primeiro ten que haber un caldo de cultivo onde se superen honestamente as diferencias, para traballar xuntos, “eu vouche abrir a ti as portas de Latino América de fala española, e ti a min as de Brasil, pero non gratis, imos facer empresas compartidas, imos asociarnos”.

Outro exemplo de miopía: cantos portos temos? De interés nacional Ferrol, A Coruña, Vilagarcía, Pontevedra, Vigo, Viana e Porto. 5 galegos e 2 portugueses. 7 que se os miras desde o aire son peiraos, que van estar comunicados por TGV –e agora falaremos do AVE de mercadorías-. Qué traballos se están facendo para poñelos en rede, para crear unha estructura portuaria compartida?

C: Do tema portuario, eu sempre menciono o modelo portuario de Rotterdam, que ten peiraos ata en Bélxica.

X: Efectivamente! Ademáis é un tema de situación estratéxica: o mundo é redondo, polo tanto, esto é a Península, esto é Europa, i esto é América. Nova York pode quedar así, ou así:

Quen carallo dixo que somos periferia?
Fonte propia.

C: Nova York está á altura do Porto, que o teño eu máis que calculado…

X: Entón fíxate, temos o gran mercado tradicional, non suficientemente explorado, dos Estados Unidos. Vai buscar un albariño galego a Estados Unidos, a ver se o atopas…

C: É un mercado moi complicado.

X: E cantos esforzos facemos alí para entrar no mercado? Porque complicado é, pero eu vou alí e viños franceses encontro, e viños italianos encontro. Se outros poden, porque nós non? Se vas alá atoparás “hasta el agua de san pelegrino”, intenta buscar Cabreiroá, que por certo é bastante mellor.

E logo temos o mercado emerxente de Mercosur. Europa ten unha grande zona nodal portuaria que é Rotterdam que está completamente desbordada. A outra zona nodal vai ser si ou si os portos hanseáticos; o eixo que constitúe Hamburgo con Gantz vai ser clave, xa están encamiñados, teñen recursos, tecnoloxía. Teñen man de obra barata, cualificación tecnolóxica, claro unha cousa a poñen os polacos, outra os alemáns… O que está por definir é cal vai ser na Europa sur o nodo referencial de comunicación con Mercosur. E ahi compiten os franceses con nós. Vigo alíase con Porto nesta estratexia? Non, Vigo alíase có Cantábrico, non sei pra que facemos Eurorrexión. Cando se nós facemos un contínuo dos portos galegos e portugueses, baixando case ata Lisboa, este sería o grande enlace nodal có Mercosur.

C: Está clarísimo.

X: E quen faga isto, converterá a súa área de influencia –a 100 km á redonda e cara o interior- nun gran polígono loxístico europeo, porque as mercadorías terán que vir ata aqui para logo embarcar, non van ir ó Mediterráneo, a dar toda a volta por Algeciras.

Estamos preparándonos para competir? Non. Estamos creando redes para competir? Non. Seguimos pelexando entre nós. En resumo: hai que integrar o sistema portuario; hai que integrar os aeroportos, pra que a xente chegue por un e saia por outro; e comunicalo todo có AVE e cós trenes de proximidade. Esta é a fórmula.

C: E sobre as mercadorías, que aínda non comentamos nada?

X: Nós sempre defendemos vías mixtas. O governo di que as quere diferenciadas. Claro, nun momento no que xa nos costa traballo sacar o AVE, ata que punto podemos impoñer que fagan vias mixtas? En calquer caso, o que non pode ser é o que temos hoxe, onde unha mercadoría que entre polo porto da Coruña ten que ir por Lugo, baixar a Ourense e vir a Vigo. E con Portugal non temos nin comunicación.

O problema vai ser que imos ter unha via de comunicación de alta velocidade, pero non temos mercadorias entre os nosos portos. Entón claro, cando falamos dun sistema ferroviario integrado e integral, é por algo. Necesitamos a atención política necesaria para o tema, e iso aínda non o temos. De Madrid hai a atención política necesaria para facer o AVE ata Galiza, pero non para facer aínda –nin de parte de Portugal- un sistema de transportes integrado.

C: Penúltima, moi breve. Comentou Feijoo nunha visita que fixo a Portugal xa non sei cando, debeu ser en febreiro, de ampliar a Eurorrexión ata Lisboa. Eso como afectaría?

X: Non, eso foi unha expresión política, porque a Eurorrexión técnicamente só pode ser a rexión Norte e Galiza. Eu supoño que falaba en termos políticos, de colaboración. Outra cousa é a Macrorrexión, que eso é outro elemento distinto.

Bruselas está sacando 2 figuras, as macrorrexións e as megarrexións. Non están definidas, por exemplo, toda a fronteira España – Portugal a consideran macro ou mega? Todo o espazo atlántico (sur de Irlanda, sur de Inglaterra, Franza, norte de España e Portugal) a consideran macro, ou mega? Como Castela ten fronteira có norte de Portugal, eu fun unha das persoas que aconsellou que se incluira no ámbito das macrorrexións. Galiza, norte de Portugal e Castela e León pode ser unha cooperación en termos de macrorrexión.

Esto cárgase a Eurorrexión? Ó contrario, a potencia. Son escalas. Máis lobby para conseguir fondos para a zona. Hai que ter en conta que a escala de Europa tamén cambiou, non é o mesmo a UE-15 que a UE-27.

C: Pero nesa macrorrexión, se entra Castela e León, vai entrar ata Soria?

X: Está por definir.

C.T.: Tampouco na Eurorrexión entra todo Portugal, só o norte de Portugal. Logo podería entrar na macrorrexión só unha parte de Castela e León.

X: Aínda está por definir, pero de todas formas, a parte ‘sensible’ é a fronteira Zamora – Salamanca con Portugal.

C: E a última pregunta, no tema lingüístico non me quería meter moito…

X: Pois podes meterte con toda confianza, eh.

Línguas con máis falantes do mundo.
Fonte propia. Dados: en.wikipedia.org

C: Pois unha cousa que nunca entendín: pasaron -como falaches antes- vinte governos a todos os niveis, e seguimos sen ensino de portugués obrigatorio en Galiza.

X: Non é que non o teñamos obrigatorio, é que nin sequera o temos como optativo; en cambio Extremadura, si. Eu entendo que os idiomas non deben ser obrigatorios, en único caso o inglés. Pero o que si temos é que normalizar o portugués para que ocupe o mesmo papel que o francés, e sexa un idioma opcional nos estudos, para que toda a xente que queira poida matricularse. Que é exactamente o que fixo Extremadura, que o ten como optativa en todo o ensino.

C: Pois eu penso que igual que tes que estudar obrigatoriamente matemáticas, debería ser obrigatorio estudar portugués, aínda que sexa só un par de anos. A Galiza non lle interesa que toda a súa poboación saiba falar portugués? Ou polo menos que todo o mundo estude un ano portugués ou dous. E non tanto por Portugal, senón de aqui a dez anos, o que vai representar Brasil a nivel mundial…

X: Eu douche a razón, pero temos que analizar o tema.

Primeiro: partimos dunha situación que eu creo que foi un erro histórico. Cando se fai a normalización lingüística desbótase completamente o lusismo porque se vencella con posicións políticas radicais. O debate, como moitos debates en Galicia, é levado sen ningún tipo de rigor. Aqui non son as opinións máis rigurosas, senón as que máis voz teñen as que ó final priman, e as acaban influindo. I eu vivin como o tema do lusismo se vivíu dunha forma absolutamente marxinal. É evidente que é un debate complicado, que debía terse aberto con máis calma. É evidente que o galego que se fala agora non é o portugués, pero tamén é evidente que houbo unha orixe común, e que se podía haber feito –eu non son lingüísta nin sociolingüísta…

C: …un achegamento…

X: … unha estratexia tendente a que nunha década ou dúas converxeran os dous idiomas, ou polo menos tiveran unha afinidade. Porque eso abriríanos as portas: convertiría unha lingua que sobrevive sobre a tradición oral baseada nun rural que cada vez ten menos peso nunha lingua sen problema de supervivencia. Os problemas de supervivencia do galego non veñen do decreto nin do non decreto, o problema ven porque se deixa de falar. Eu o vexo na miña casa, as miñas fillas non falan galego, len galego aínda con máis dificultade que castelán, e van a un colexio público, perfectamente bilingüe… pero é un problema de motivación!

C: De utilidade.

X: A miña filla pequena o que ven son os Simpson, e son en castelán. Se foran en galego vería Xabarín Club. Un dos momentos que eu vin ós rapaces máis interesados no galego era cando La Voz de Galicia sacaba ‘golfiños’, pola linguaxe da comic. Cales son os vehiculos para chegar ós rapaces? O comic e a televisión. Deixémonos de coñas, estamos nunha cultura urbana!

A xente non está habituada a falar galego ou oir falar galego, porque ten outras prioridades: o castelán é unha prioridade e o inglés é unha prioridade para traballar. Polo tanto o galego é algo que se fala, pero cando vai desaparecendo a xente maior, que é a xente que aínda o fala, ou cando vai desaparecendo ese compoñente rural, periurbano, por exemplo no caso de Vigo, a xente vai deixando de falar galego. Entón o galego estase perdendo porque está perdendo a lóxica cotián, porque non se está sabendo adecuar ós tempos, e porque non se optou no seu momento por apoiarnos nunha lingua viva moito máis dinámica como é o portugués.

C.T.: Acercámonos máis ó castelán.

X: Exacto, e iso pechóunos completamente unhas portas de futuro.

E segundo: en Galiza a xente non ten ningún interese en aprender portugués, do mesmo xeito que en Portugal a xente non ten interese en aprender galego, porque son idiomas veciños. Aqui o dito ‘idioma veciño, idioma enemigo’. Pero como nos entendemos sen falar o idioma do outro, para que aprendelo? Porque en Extremadura é distinto. Ti aqui vas ó Corte Ingles: – “fala português?” – “non, pero fale que lle entendo”. Nin sequera coa demanda histórica que teñen ós empregados do Corte Inglés se lles demanda portugués. Hai anos o concello de Vigo foi o primeiro concello da Eurorrexión que deu clases de portugués para funcionarios. O montamos entre Marta Souto, que era a directora xeral de normalización, i eu. Bueno, é que non se che apuntaba ‘nindiós’, ‘nindiós’!!. I eran cursos pagados, financiados, con puntos para os funcionarios… Os orientamos para a Policía Local, bueno, a Policía Local ni de puta coña, “estos portugueses de mierda”, se non lle chamaban así pouco menos. Cursos para asistentes sociais? Nada…

C: As propias empresas de cara a exportar alá tampouco?

X: Que va! Non, porque a xente se entende có galego. É certo que o de ter montado aqui o Instituto Camões está axudando, pero tampouco fan unha promoción tremenda dos cursos. Non hai unha filosofía. Agora Feijoo falou de dar pasos nese sentido, pero realmente o problema é que non se creou previamente a necesidade que faga que a xente se motive na conveniencia de aprender un idioma. Os españoles somos a xente que peor idioma falamos, e priorizamos aqueles que son necesarios para o traballo. Se non lle vemos a necesidade, o último que facemos é aprender un idioma.

É un problema histórico e de falta de visión da necesidade do tema. Como superalo? No momento en que efectivamente se normalice o portugués como segundo idioma no ensino.

C: Pois ata aqui chegamos. De verdade, non sabedes o agradecidísimo que vos estou por todo este tempo que nos dedicastes. Moitas grazas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *