Top Incomes Database

O urxente moitas veces leva a desplazar o realmente importante, e así foi que comecei por publicar o artigo Zeitgeist (I) antes que este, cando realmente hai xa uns días que quería escribir sobre esta interesantísima web: ‘The World Top Incomes Database’.

 

 

Un debate clásico nos últimos anos era o relacionado có crecemento económico mundial vs a desigualdade na distribución da riqueza. Por unha banda, os defensores de que a globalización e liberalización económica dos últimos 30 anos está reducindo as desigualdades a nivel mundial argumentan que o mellor comportamento dos países emerxentes está a mellorar a distribución da riqueza global vía maior crecemento. Un exemplo clásico deste argumento son os artigos do economista catalán Xavier Sala-i-Martin sobre o World Distribution of Income, e a evolución desde 1970 a 2000 que podedes consultar na súa páxina web.

 

 

(para acceder ao gráfico animado tedes que pasar toda a parafernalia blaugrana e ir a Academic Stuff, no segundo punto)

 

Pero por outra banda, os críticos con esta visión argumentan que non só haberá que ver ata que punto unha globalización baseada nun incremento global e desproporcionado da débeda (sobre todo privada) é sostible, senón que hai múltiples evidencias de que tanto nos países desenvolvidos como nos emerxentes as desigualdades véñense acentuando de maneira notable nos últimos 30 anos. É dicir, será certo que China ou India medran máis que USA e UE, pero tanto en China e India como en USA e UE as desigualdades van a máis, e de maneira moi acusada. O propio Stiglitz, a quen entrevistabamos recentemente, nos comentaba que o próximo libro no que está a traballar trata sobre a crecente desigualdade de rendas e concentración do poder económico en mans do 1% da poboación (unha extensión do seu artigo en Vanity Fair, ‘Of the 1%, by the 1%, for the 1%’)

 

Pois ben, a web The World Top Income Database ven aportar información moi relevante ao respecto, e o que é máis importante, compartir a información con quen queira botar un ollo nesta potente base de datos e gráficos interactivos, con información para todo o século XX e XXI sobre a distribución da renda por países, evolución da renda per cápita, etc.:

 

 

En España, por exemplo, o 1% da poboación de maiores rendas obtiña o 7,5% das rendas do país en 1980 (para o caso español non hai datos anteriores a 1980 para este indicador), mentras 30 anos despois a porcentaxe se incrementaba ao 9,0%. Con todo, os datos da economía española postas en contexto internacional mostran que tanto o sistema impositivo en España como, especialmente, a xeneralización do Estado do Benestar (educación e sanidade, principalmente), axudaron a conter bastante esta evolución. Compárese, por exemplo, coa enorme e crecente desigualdade nos USA no mesmo periodo de tempo:

 

 

No mesmo periodo de tempo en que o 1% da poboación española con maior renda incrementaba o seu ‘pedazo do pastel’ do 7,5% ao 9,0%, nos USA de 1986 a 2007 se pasaba do 9,1% ao 18,3%, máis do dobre. A gráfica evidencia ademáis que a mellor época en termos de igualdade se correspondeu cós anos do New Deal (e que tamén son os anos de maior crecemento económico en Occidente), para desde mediados dos 80s comezar un ciclo que nos leva en termos de desigualdade aos niveis de entreguerras. Os datos son semellantes aos de USA para outros países da OCDE (véxase por exemplo UK), e tamén nos emerxentes as desigualdades máis que se duplicaron no mesmo periodo (en China, por exemplo, pasou de representar o 2,67% ao 5,87% nese periodo).

 

A web é desenvolvida, entre outros, por Thomas Piketty e Emmanuel Saez, economistas das Universidades de Paris e California que recentemente veñen de ‘incendiar’ as webs académicas có seu artigo ‘Taxing the 1%: Why the top tax rate could be over 80%’ (dos que podedes ler comentarios ao respecto, entre outros, en El País ou Fedea), no que defenden que as crecentes desigualdades son motivadas polas políticas de desgravacións fiscais ás rendas altas (en USA principalmente do Goberno Bush) e que non tiveron traducción nun incremento da riqueza media (per cápita) deses países, senón simplemente se traduciron en incrementos de desigualdade:

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *