Equivócase a oposición

A pesar de ser eu economista (ou se cadra por iso), pérdese un entre as cifras do ‘axuste máis duro da democracia’, como veñen a titular hoxe os medios de comunicación as novas medidas económicas anunciadas polo goberno de Rajoy: 65.000 millóns de euros de recortes a parados, funcionarios, pensionistas e –vía incremento do IVE- ao peto de toda a poboación española. 65.000 millóns de euros a sumar –entendo- aos 45.000 millóns de medidas anteriores. Digo entendo porque, certamente, nin tempo nin gañas tiven de mirarme polo miúdo en que consisten estas novas medidas, e supoño que a maioría da xente, tampouco. Porque de feito, non é das medidas en si do que quero falar hoxe.

 

Equivócanse a oposición e algúns medios de comunicación cando critican as medidas do goberno per se. E moito máis cando critican ao goberno por facer todo o contrario do que dixeron que ían facer. Non falo con retranca: equivócanse.

 

 

 

Que é o que espera un país do seu goberno, en particular nunha situación de crise gravísima como a que estamos atravesando? Que faga o que sexa, o que faga falta, pero que arranxe a situación. Se, como dixo Rajoy, “haré cualquier cosa aunque dijera que no la iba a hacer” (en concreto ademáis falaba da posible subida do IVE), a maior parte da poboación –e a inmensa maioría dos votantes do Partido Popular- ‘tragarán’ coas medidas aprobadas se realmente son a solución. ‘Hacer lo que hay que hacer’, como tanto lle gusta repetir a Presidente e Ministros, ten todo o respaldo económico, ético e moral, de quen realmente está a facer o que está facer (quero supoñer) por un motivo superior: sacar ao país deste desconcerto absoluto.

 

Agora ben, hai dúas críticas bastante máis sólidas que se lle poden facer a este goberno, i eu, de ser a oposición, centraríame nelas:

1. O inmoral non é o cambio de criterio agora; o indecente son as mentiras que agora se poñen de manifesto por parte de aqueles que querían conquistar o poder a toda costa. “Que caiga España que ya la levantaremos nosotros”. O seu único discurso ao respecto –que as cousas estaban peor do que pensaban- é por unha banda un conto para nenos: calquera con nocións mínimas de matemáticas sabía antes das eleccións do 20-N que é imposible recortar 40.000 millóns dos orzamentos públicos sen tocar (como prometeron, agárrate) sanidade, educación, pensións e desemprego; e por outra un argumento falaz, cando o desfase de gasto público provén fundamentalmente de autonomías gobernadas polo PP (Madrid, Valencia, C-Mancha) e o maior buraco na banca de entidades controladas polo PP (CajaMadrid e Bancaja, agora Bankia, Banco de Valencia). A actitude errática do goberno estes últimos meses non é máis que a evidencia de que non tiñan máis plan que chegar ao goberno: esa era a meta e a única obsesión, ‘caiga quen caiga’. Máis aló diso, maloserá que a tan manida confianza non resolva o asunto.

2. Pero non, a famosa confianza non da chegado. E velaquí a segunda –e fundamental- crítica. Levamos máis de dous anos de austeridade (desde as medidas de Zapatero en maio de 2010), e a evidencia empírica dos logros da austeridade en Grecia, Irlanda e Portugal. O PP ten (tiña) para moita xente, incluso non-votantes do PP, a aureola de ser quen mellor xestiona a economía. Despois de ver, entre outras, o curriculum de Fátima Báñez ou as exhibicións de Ana Mato, de verdade que ignoro de onde saíu tal mito; claro que o mesmiño se pode decir de medio equipo do gabinete anterior… Por iso os últimos meses de desconcerto do goberno están a danar seriamente entre a opinión pública a imaxe do PP como xestores capaces. Pero nos próximos meses e anos aínda queda moita tela por cortar: sendo optimistas, o paro non baixará do 25% antes de 2014, e o maior fracaso pode ser que nin cós obxectivos de déficit cumplan, como xa anticipa ata o FMI. Non serán necesarias moitas manifestacións, folgas e manifestos: se o efecto das medidas é o mesmo que noutros países, se a cacareada capacidade xestora da dereita é a que moitos empezan a sospeitar, logo non se extrañen se un títere da Troika ven para collerlle o sitio a Rajoy moito antes de rematar a lexislatura.

 

Xa se verá.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *