The price of inequality

 

Nestas festas agasalláronme o último libro de J. Stiglitz, The Price of Inequality. A estas alturas ainda o estou lendo, pero cada páxina que transcorre máis convencido estou que esta será unha obra de referencia nos vindeiros anos. Máis aínda, está conseguindo algo que se me antollaba imposible: que alguén coma mín que paso os días, as semanas e os meses estudando economía e finanzas e documentándome sobre a crise global, descubra con The Price of Inequality a dimensión da monumental estafa económica, política, social e democrática que nos están colando. Parafraseando a Woody Allen, lendo a Stiglitz ‘le entran a uno ganas de invadir Polonia’.

 

 

No inicio non tiña máis expectativa que a intuición de comezar a ler un interesante libro onde, imaxinaba, Stiglitz resumiría aspectos como o crecente nivel de desigualdade nas sociedades occidentais (do que xa falamos aquí, véxase ‘Top incomes database’), que a maior desigualdade social menor crecemento e maior inestabilidade macroeconómica, que a desigualdade no acceso á educación supón o desperdicio do noso ben máis prezado, o capital humano, etc. Pero axiña comprobei que era iso… e moito máis:

 

“Some people say we have this inequality because some people have been contributing much more to our society, and so it’s fair that they get more. But then you look at the people who are at the top and you realize they’re not the people who have transformed our economy, our society. They’re not the inventers of the lasers the transistors, the computer, the discoverers of DNA. They’re the bankers that exploited the poor, the CEOs who took advantage of the deficiencies of our corporate governing structure to a larger and larger share of the corporate revenues without increasing the productivity and performance of the companies or our economy as a whole.”

(Extraído desta entrevista en Rolling Stone)

 

Dúas son as ideas chave da obra de Stiglitz. Primeiro, que as rendas do top 1% non proceden da innovación e da competitividade empresarial, senón na súa maioría dun proceso de extracción de rendas (‘rent-seeking’) ao resto da sociedade: especulación financeira, préstamos de risco, remuneracións dos executivos, rendas de monopolio, concesións públicas, extracción de recursos naturais a prezos de coña, lobbies de compañías farmacéuticas conseguindo prezos preferentes da administración, rescates bancarios pagando a factura de accionistas e bonistas, leis de bancarrota que protexen ás multinacionais e deixan na cuneta desafiuzamentos e inclusive ata os préstamos de estudiantes, etc. etc. etc. Ducias de exemplos e referenciando toda a literatura académica que o xustifica (se es economista non deixes de ler as footnotes!!)

 

A segunda idea fundamental, que este imparable proceso de crecente desigualdade está pervertindo a propia esencia das nosas democracias. O poder político está en mans do top 1% (un proceso agravado en USA porque alí o financiamento por parte das empresas privadas aos partidos políticos, ás campañas electorais, aos xuices e fiscais, etc. é perfectamente legal), de xeito que levan décadas asegurándose as leis (ou excepcións ás mesmas) que lles garantan maior poder económico e político. “Economic inequality puts our democracy in peril by undermining our basic principles of one person, one vote; and how our notion of America as a land of opportunity has been undermined and our principle of justice for all has been perverted into justice for those who can afford it”. – (da mesma conversa en Rolling Stone)

 

Son dúas ideas chave pero hai moitísimo máis. É imposible resumir nun breve artigo a cantidade de información e ideas esenciais que transmite Stiglitz sobre o funcionamento do sistema político e económico, así que non podo máis que rematar recomendando que leades The Price of Inequality… canto antes!!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *