128 grazas (e algunhas máis)

Os pasados días 10, 17, 22 e 29 de outubro organicei na Facultade de Economía e Empresa da UDC varias sesións experimentais con alumnos desta e doutras facultades có obxectivo de recabar datos de campo para a Tese Doutoral na que levo traballando xa hai uns 3 anos. Foi un esforzo considerable. Son moitos os meses, anos máis ben, os que levo traballado no deseño das probas a realizar polos participantes. Meses traballando no deseño da aplicación informática na que se levaría a cabo o experimento. Semanas organizando as sesións, reservando aulas, preparando os equipos informáticos, pedindo a colaboración tanto de alumnos para animarse a participar nas sesións, como dalgúns profesores do centro para axudarme a contactar con eles. E días de nervios, en particular durante as sesións, porque nunca se sabe, quizáis algún imprevisto podía acabar dando ó traste con tantas semanas de traballo.

 

Afortunadamente non foi así; finalmente todo saíu ben. Despois duns días revisando todas as respostas, facendo o cálculo estatístico previo, etc. estamos listos para arrancar có estudo experimental. Chegados a este punto empezo a ver, por vez primeira, a conclusión satisfactoria da tese (polo menos, do que a min me compete, máis non podo facer) no horizonte. Por iso quería aproveitar estas liñas no meu blogue para comentar dúas cousas.

 

Primeiro, agradecer a todos os que me axudaron a chegar ata aquí có estudo experimental. A todos os colegas e alumnos que colaboraron nos tests previos, aos profesores que botaron unha man contactando cós alumnos ou facendo suxerencias de todo tipo, e moi en particular a Paulino pola axuda no deseño da aplicación informática, a Xosé Manuel no quebradeiro (hoxe por fin resolto!) que foron algunhas estimacións estatísticas previas, e aos meus directores de tese Anxo e Manel. E sobre todo, claro, á familia, que levan anos aturando as miñas obsesións e quebradeiros de cabeza coa tese.

 

Por último, pero non menos importante, agradecer aos 128 alumnos que finalmente participaron nas sesións experimentais a súa participación, o tempo adicado e as moitas gañas que lle botaron. 128 grazas a tod@s, se ben finalmente por diversos motivos serán 126 os experimentos válidos. Con eses 126 experimentos comeza agora a análise estatística, contraste de hipóteses, redacción de artigos e, se todo vai ben, dentro de non moitos meses xunto có modelo teórico do que xa vos falei aqui (‘a behavioral model of the credit boom’) constituirá o esencial da miña Tese Doutoral.

 

Segundo, dado que as próximas semanas andarei bastante liado con este tema, pensei que é boa idea ir comentando aquí algunhas curiosidades do estudo experimental  dunha maneira máis informal que os papers académicos que lle darán forma (e de paso matamos dous paxaros dun tiro: compartir con quen lle interese -incluídos os propios alumnos participantes no experimento- as conclusións principais dos meus estudos, e de paso non deixar o blogue parado durante este tempo). As probas teñen moito que ver có estudo da psicoloxía humana e o seu efecto nas decisións financeiras, así que coido pode ser moi ameno. Se vos apetece, polo tanto, as vindeiras semanas iremos comentando algunhas curiosidades, sempre respetando o anonimato dos participantes. Espero que vos guste.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *