Demografía recesiva

O INE ven de publicar o padrón de 2013 por provincias. España experimenta unha demografía recesiva (unha queda do 0.29% da poboación) por primeira vez. Esta novidade, no conxunto do Estado, pode incluso ter unha interpretación parcial positiva, porque é o resultado en boa medida do retorno da inmigración chegada a España coa burbulla inmobiliaria que agora non atopa perspectivas de ningún tipo. Porén, está é só unha interpretación parcial, porque moitos dos que están emigrando son xóvenes, sobradamente cualificados, que grazas á política miope curtopracista implementada por España e alentada-imposta por Europa, marchan do país fartos. E si, a demografía é a política económica que mellor lle está funcionando a este goberno, porque é a que lle permite falar de número de parados á baixa con datos de contratación laboral aínda negativos.

Ranking demografía 2013

Con todo, ese é o conto a nivel España. En Galicia (e no noroeste peninsular en xeral) o conto é ben distinto. Galicia primeiro non foi quen de atraer inmigrantes de maneira significativa durante os 2000s porque o modelo de crecemento alentado desde o Estado estaba centrado na ecuación ladrillo – turismo – Mediterráneo. Hoxe polo tanto non hai inmigrantes que retornen, pero a nosa demografía segue sendo fondamente recesiva, sobre todo no interior. En boa medida arrastramos unha demografía recesiva a consecuencia da forte emigración rural nos anos 60s, que aínda paga factura en forma dunha estrutura poboacional insostible en boa parte dos concellos do país.

A nefasta situación demográfica de Galicia tamén ten unha lectura adicional. Neste envellecido país cada ano xubílanse moitas máis persoas que xóvenes hai buscando traballo. Porén, nin así hai traballo para eles. Non hai maior evidencia da nula capacidade dos políticos e elites deste país para ofrecer un proxecto social e económico de futuro. Nos últimos 5 anos perdimos todas as entidades financeiras, boa parte das grandes empresas galegas, a oportunidade de facer do sector enerxético o motor económico do país, e ducias de miles de postos de traballo nun país de vellos. Pero a prensa pesebrista segue contando un por un e celebrando cada barquiño que atraca no porto exterior da Coruña. Somos patéticos. Por consentilo, claro.

Ranking demografía últimos 5 anos

Ranking demografía últimos 10 anos

Ránking demografía últimos 15 anos


Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *