Patrons de despoboamento rural

Na sección ‘Documentos – Academic Papers‘ acabamos de poñer a disposición de calquer interesado a versión actual, aínda en formato working paper, do estudo por Xosé M. Filgueira e David Peón “Patróns de despoboamento do rural galego“. A base de datos do estudo está tamén dispoñible en ‘Documentos – Economic data – Galicia‘.

No artigo levamos a cabo unha análise estatística para contrastar e cuantificar algunhas das observacións clásicas na problemática demográfica de Galicia e a súa polaridade rural – urbana. Primeiro, íllase o efecto arrastre demográfico para identificar distintos patróns de despoboamento a nivel comarcal ao longo das últimas dúas décadas descontado o efecto migratorio histórico. Esta análise mostraría unha visión alternativa do proceso de despoboamento, caracterizada pola conformación dun anel central de dinámica demográfica positiva a partir das cidades galegas de interior.

Segundo, profúndase na análise estatística da polaridade rural – urbana cunha medición do papel xogado por diversos parámetros de vertebración xeográfica da poboación galega. A este efecto, resultan determinantes a poboación da cabeceira de comarca –cunha perda de poboación do -0,55% anual nas comarcas con cabeceira inferior a 5.000 habitantes- e a distancia por estrada á máis próxima das sete cidades galegas –cun -0,17% adicional.

Terceiro, descontado o efecto arrastre da emigración pasada e vertebración xeográfica do territorio, explícase a evolución das distintas comarcas en función da distribución sectorial do PIB, ao efecto de identificar os sectores económicos que máis axudaron no pasado recente a conter o devalo demográfico das comarcas rurais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *