Padrón 2014

Seis meses sen publicar na web ben merecen unha pequena explicación. Hai seis meses voltei á miña actividade profesional, combinado cós últimos meses de voráxine para ter todo listo (últimas revisións, burocracia administrativa, imprenta…) para o acto de Defensa da miña Tese de Doutoramento o vindeiro 16 de xaneiro. A partir desa data espero recuperar algo as miñas publicacións na web sobre actualidade económica, pero non será xa ao ritmo de anos anteriores.

Unha das teimas das que seguirei escribindo é o problema demográfico de Galicia. Recentemente veño de actualizar o working paper “Patróns de Despoboamento Rural”, xa en avaliación en revista académica. Tédelo á vosa disposición en documentos – academic papers. Un dos principais resultados deste estudo estatístico có colega Xosé M. Filgueira é cuantificar en que medida as comarcas do rural precisan, ou ben dunha cabeceira de comarca poboada, ou ben dunha cercanía aos principais nodos poboacionais do país. En concreto, as comarcas con cabeceira inferior a 5.000 habitantes e alonxadas das principais cidades están a perder poboación de maneira alarmante.

Onte o INE ven de publicar o Padrón 2014. Ilustro aqui con tres gráficas (principalmente as dúas primeiras) o porque do alarmante da situación.

Cabeceiras inferiores a 10 mil habitantes

Na primeira gráfica, unha selección de pequenas vilas (inferiores a 10.000 habitantes) pero necesarias para o obxectivo de equilibrio do territorio. Quede claro, por tanto, que non é unha selección “do peor” demográficamente do país: para iso xa poño a modo de exemplo os casos de Dozón (o peor concello de Galicia no pasado recente, unha autentica sangría nas últimas 2 décadas chegando a perder máis da metade da poboación) e Navia de Suarna, exemplo habitual que emprego para ilustrar a situación da Montaña Lucense e boa parte da provincia de Ourense, con perdas no entorno do 40% en só 18 anos.

O problema, como digo, non é tanto todos os exemplos de concellos do rural que se queiran poñer, senón que as pequenas vilas non están a conseguir reter poboación e, polo tanto, móstranse incapaces de actuar como polo demográfico que reteña a sangría dos concellos do rural dos que son cabeceira. Sirvan como exemplo Mondoñedo (-26% en 18 anos), Muxía (-23.5%), Chantada (-16.5%) ou Celanova (-7.5%), entre outros. Destaca Allariz (+17%) como cáseque o único exemplo de Galicia capaz de xerar unha dinámica endóxena positiva (isto é, non motivado polo papel de barrio dormitorio dunha das cidades galegas).

Vilas (10 a 25 mil habitantes)

As vilas de 10 a 25 mil habitantes deberían ser unha aposta de país, ou dende logo deberían selo aquelas que representan o polo demográfico de referencia dunha ampla rexión rural. Boa parte destes exemplos foron seleccionados na gráfica. Porén, só contados casos conseguiron incrementar poboación e, có cambio de ciclo, apuntan cando menos a unha situación de estancamento nos vindeiros anos. Son os casos de Burela (+22% en 18 anos), Verín (+19%), O Barco de Valdeorras (+17.5%) ou O Carballiño (+16%). Lalín, Monforte de Lemos ou Sarria apenas conseguen manter a poboación de hai 20 anos. Por último, o estudo “Patróns de Despoboamento Rural” mostra que as dúas maiores rexións de Galicia con comportamento moi negativo nas últimas dúas décadas son Ferrolterra e Costa da Morte. Na gráfica podemos ver como dúas das principais vilas desas comarcas, Santa Comba e As Pontes, perden poboación de maneira significativa (en torno ao 15%).

Sete cidades

Por último, as sete principais cidades galegas apenas atraen poboación (en particular, A Coruña e Vigo), se ben neste caso os procesos de asentamento estanse a producir nos concellos colindantes: Santiago (Ames e Oroso, có +125% e +63% en 18 anos), Ourense (Barbadás, +98%) e A Coruña (Cambre e Culleredo, +60% e +59%) son os exemplos paradigmáticos. Con todo, o proceso ralentizouse significativamente en todas estas vilas a partir da crise en 2008.

De entre as cidades, só Lugo e Pontevedra conseguiron medrar poboación significativamente nas últimas dúas décadas (en torno ao 10 – 15% pero, de novo, con claro signo de estancamento recente) e, no lado negativo, o alarmante caso do Ferrol: perde un 1% de poboación cada ano e a cousa non ten visos de deterse.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *