Suicidio demográfico e o peto dos galegos

Neste post sintetizo algunhas cuestións adicionais sobre o drama demográfico que nos agarda en Galicia nos próximos anos do que xa falamos varias veces nesta web (como aqui, aqui ou aqui). Cuestións que se orixinan nun par de lecturas recentes.

A primeira foi un titular dun xornal local de Palencia có que din en Twitter: “La mitad de los nacidos en Palencia residen en otras partes de España”.

Parecéume un exercicio interesante comprobar cal sería o resultado en todas as provincias do Estado e, en particular, as nosas. Sobre todo porque tal indicador recollería o efecto ao longo de décadas dos procesos migratorios.

Velaquí o resultado:

Gráfico: Xosé Martinez (UDC). Fonte: INE

Galicia non está, comparativamente, tan mal. En Pontevedra ou A Coruña residen o 86% dos nacidos nesas provincias e están no top10 do Estado. Lugo e Ourense reteñen o 67%, postos 30 e 33, pero moi por riba dos 46% de Soria, 47% de Cuenca, e 48% de Ávila e Teruel, e moi por riba tamén dos postos que ocupan as provincias orientais galegas en calquer indicador de natalidade, envellecemento ou despoboamento. Ben é certo que, coa dispoñibilidade dos datos no INE e tal e como calculei estas ratios, a información non é completa: faltan os nacidos en cada provincia que hoxe residen no extranxeiro. Con todo, aparentemente as peor paradas son as provincias castelás, absorvidas polo papel de Madrid nun Estado que ven apostando polo centralismo desde o Desarrollismo dos 60s.

Os galegos queremos, ou tentamos cando menos, vivir onde nacemos. Así pois, o escenario de suicidio demográfico ao que nos estamos enfrontando ten coma orixe, principalmente, outras dúas fontes.

A primeira é a herdanza da emigración pasada, principalmente nos anos 60s e 70s (véxase no artigo Martinez e Peón (2015) sobre o efecto arrastre demográfico) e a incapacidade de Galicia de reverter o proceso con inmigración na actualidade. Isto é, cunha economía potente que sexa quen de reter aos xóvenes que formamos e atraer aos de fora. O resultado visibilízase nesta segunda gráfica:

Gráfico: Xosé Martinez (UDC), Fonte: INE

As quince provincias que máis poboación non nativa atraen, en porcentaxes entre o 40% e o 80% da poboación alí nacida, fican todas en Madrid e cinturón urbano (hoxe extendido ate Guadalajara e Toledo), e claramente no Mediterráneo, de Málaga a Girona. E o resultado dun modelo económico que vende España como un país Mediterráneo e volcado nos sectores do turismo e residencial. O interior e o cuadrante noroccidental, nese modelo, pouco ten que facer: Pontevedra e A Coruña teñen porcentaxes do 21%, Ourense 19%, e Lugo entre as 5 últimas có 15%.

A segunda das razóns é a baixísima natalidade en Galicia, cuns índices de fecundidade sen parangón a nivel mundial, hoxe nos 1.06 fillos por muller, chegando a caer nos 90s por baixo do 1.0 fillos. Neste respecto, recomendo enormemente a lectura coa que ando hoxe a voltas: “Galicia: un pobo con futuro?”, editado por Manuel Blanco Desar.

Ficha do libro en Editorial Xerais

Do libro destaco o artigo do propio Blanco Desar. En particular, coincido có autor en que o único xeito que temos de acabar con “a disautonomía -non querer sentir- e a anosognosia -non querer saber- sobre o problema estrutural por excelencia de Galicia” é irmonos directamente ao peto dos galegos. Falando claro: hoxendía, quen non se alarma cós desastrosos indicadores de idademedia, fecundidade ou perda poboacional é porque ou ben non o entende, ou ben tráelle sen coidado. En troques, si deberían entender ou reaccionar a cuestións mencionadas por Blanco que virán a consecuencia do desatre demográfico:

– Unha contración estrutural da demanda interna que implicará menor crecemento económico que os países do noso entorno, ergo menos investimento e emprego, ergo máis emigración

– A menor demanda interna implicará tamén a depreciación acelerada dos investimentos inmobiliarios no país (medo lle pode entrar a máis dun neste país das leiriñas e os pisiños de aluguer a estudantes)

– a sostibilidade do estado do benestar e, en particular, das pensións públicas,

– e como, nun país de vellos sen novos, os vellos van ter a tixola polo mango e van querer cobrar as súas pensións, o incremento da presión tributaria sobre os galegos activos… o que levará aparellada máis emigración, en particular daqueles máis formados e con máis capacidade de atopar traballo fora.

Da serie de medidas económicas que suxire Blanco falaremos outro día. Até entón, podedes facervos có libro “Galicia: un pobo con futuro”, que vos recomendo. Sinalar por último que o problema demográfico de Galicia será, por suposto, un dos temas centrais dos estudos e xornadas de análise e debate que desde Somos Nós temos intención de ir organizando. Pero diso iremos falando a partir do verán.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *