Terra e Leite sobre o sector lácteo

Hoxe publica a Asociación Terra e Leite un formidable documento, sobre todo polo que ten de divulgativo e comprensible para o grande público, sobre a crise do sector leiteiro en Galicia: “Situacion do sector lacteo. Apuntes para a reflexion e o debate” (descargable aqui). Resumo os trazos que considero esenciais no que respecta á diagnose da situación:

  • Para os problemas do sector non hai solucións milagreiras, fai falla altura de miras
  • O problema do sector lácteo non é o prezo do leite: o prezo é un dos síntoma dos problemas do sector lácteo

  • Os gandeiros: foron os únicos que fixeron relativamente ben os seus deberes, pero deben a) facer un esforzo por aumentaren a base territorial e depender menos das materias primas de importación para alimentación do gando, e b) tomar maior protagonismo no establecemento de alianzas coas industrias
  • Os sindicatos: perda de representatividade no sector, e dificil tarefa por diante para enmendalo
  • As cooperativas: distinguir dous grupos. As simples intermediarias entre socios e industria, non interesan. As cooperativas industriais, esenciais para a sostibilidade do sector produtor
  • Compradores sen industria: consecuencia do “paquete lácteo”, non só non interesan, senón que contribúen na actualidade a que moitas explotacións estean cobrando os prezos máis baixos de España.
  • O Grupo Lácteo galego. Un soño malogrado que xa non vai poder ser, pero que non debe ser obstáculo para iniciativas de calado con capital galego, nacional ou internacional, nos que a Admon Galega debería xogar un papel chave como catalizador
  • Admon Europea: debería recuperarse a capacidade de intervención pública para darlle estabilidade ao mercado lácteo na UE e complementos de renda a produtores
  • Admon galega: resulta clamoroso como acotío parecen colocarse ao lado do elo máis forte da cadea. O lácteo precisa en Galicia un plan estratéxico para a supervivencia do principal motor económico no medio rural
  • As industrias galega e española, sen estratexia definida e en situación de debilidade fronte aos competidores internacionais.
  • A distribución: a estratexia das grandes cadeas, centradas en gañar cota de mercado a calquera prezo, ten consecuencias nefastas sobre o sector lácteo. O leite como produto reclamo supón unha transferencia do sector lácteo a outros sectores e vulnera o marco legal aplicable

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *