CHAVS, de Owen Jones

chavsCHAVS: THE DEMONIZATION OF THE WORKING CLASS

Gustoume o libro de Owen Jones. Resulta unha lectura un tanto irregular, machacona e repetitiva en moitos momentos, o cal e sorprendente para un xornalista. Pero algunhas das ideas que destila son brillantes, xeniais, e van ao miolo do asunto da perda de credibilidade da esquerda en UK –e por extensión, en Europa- nas últimas décadas.

A mellor das contribucións de Chavs é unha crítica que resulta demoledora para os que, coma min, acreditamos na social-democracia como a vía preferible de organización social (que coñezamos, cando menos). Jones recupera unha visión dignificadora do papel da clase traballadora, a working class, e o papel fundamental que esta xoga na sociedade. Unha visión en contraposición á idea, asumida pola socialdemocracia, de que o obxectivo de toda persoa debe ser “ascender na escala social”. A excelencia en calquer ámbito é un obxectivo desexable, e recoñecer os méritos de quen acada a excelencia no seu facer, tamén. Pero organizar unha sociedade baixo a idea de “competirmos polos mellores postos” asume que, por exemplo, un caixeiro de supermercado ou unha electricista non desempeñan labores necesarias socialmente, ou que a labor dun enfermeiro é menos importante que a dunha xuiz.

Chavs está repleto de exemplos brillantes de como a idea dunha “escala social”, en resumo, debería ser inasumible polas esquerdas, tamén a socialdemócrata. Desde o momento en que é imposible que todos ascendan nesa escala, sempre haberá uns por riba doutros. A idea conleva unha clase traballadora en competencia consigo mesma, e que culpa aos “inferiores na escala social” da súa propia situación. Working class: “the class of people who work for others in order to get by in life”. Dada esa definición, por moito que nos queiran vender a moto da “clase media”, a inmensa maioría somos clase traballadora. Cada vez máis, esa idea vai entrando no discurso político. Ata a certo político do PSOE que hoxe pedía non-sei-que no Congreso se lle escoita agora o retruque “nós servimos á clase media e á clase traballadora”. Supoño que non é máis que outra recomendación dos seus asesores electorais para xuño.

Con todo, “Chavs…” tamén ten puntos febles. Un dos primeiros capítulos do libro céntrase no derrube que o Thacherismo levou a cabo coa working class da minería e siderurxia en Gran Bretaña nos 80s. Aquelas eran clases traballadoras cohesionadas, orgullosas da súa profesión e da súa clase, e cun forte poder sindical. A reconversión industrial e o goberno da Thacher botaron aquel mundo abaixo e acabaron con el. Con todo, a exposición de Jones non resulta convincente, e cae nos clichés habituais do discurso da esquerda. En concreto, a evolución das industrias, a competencia e desenvolvemento tecnolóxico fan que postos de traballo en determinados ámbitos deixen de ter valor engadido. Cal é o papel da esquerda? Defendelos a toda costa? Subvencionar e soster con recursos públicos empresas e industrias en declive, obsoletas?

É unha cuestión relevante porque é esta unha ameaza que pende no horizonte nas vindeiras décadas: a substitución do traballo humano por tecnoloxía. A vella disxuntiva Traballo vs Capital. Velaí o reto no discurso da esquerda. A resposta está en Piketty e outro libro fundamental: The Economics of Inequality. Deixámolo para outro día.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *