Xestión privada, xestión pública

Na Ribeira Sacra do Sil pódese observar, un fronte ao outro en cada beira, dous xeitos diferentes de abordar a concesión pública dos catamaráns que operan no río. Na beira ourensá ao longo do encoro de Sto. Estevo, xestión privada; na beira lucense, á altura de Doade, xestión directa pola Deputación de Lugo, ao igual que os catamaráns d’Os Peares e Belesar no Miño. Cal é o modelo axeitado? Xestión privada vs xestión pública e, en particular, no marco das esquerdas: debe primar sempre a xestión pública?

En economía, o modelo (idealizado) de partida é o modelo de “competencia perfecta”. Tirando do clásico Lipsey:

  • require un número elevado de empresas operando e liberdade de entrada e saída
  • a comercialización dun produto +/- homoxéneo e consumidores ben informados
  • resultando en empresas prezo-aceptantes (sen poder de mercado), onde o equilibrio de mercado a longo prazo ven dado por unha situación de “beneficio cero”.

Excuso dicir que, alí onde escoitemos falar de beneficios milmillonarios das empresas do Ibex, non hai tal competencia perfecta. De feito, baixo estes supostos, o beneficioso socialmente é canto máis competencia, mellor. Unha política de esquerdas, para susto de algúns, debería liberalizar sectores alí onde a competencia é posible, porque serían os cidadáns quen se benefician de innovación, desenvolvimento, e producción ao menor custo posible.

Certamente, na práctica os sectores onde é posible operar en competencia perfecta son limitados. O exemplo clásico é o comercio local e distribución minorista. Máis aló, vivimos desde hai tres décadas constantes ataques da dereita á privatización do sector e intereses públicos baixo o discurso das bondades da liberalización. A miúdo, rozando o ridículo argumental. Tal era o caso hai uns anos coa xestión do tráfico aeroportuario: se de liberalización falamos, unha de dúas, ou poñemos oito torres de control por aeroporto a competir para facer as mellores ofertas (tarifa plana? descontos?) aos comandantes das naves, ou ben deben asumir que un turista destino á Coruña escollerá aterrar en Burgos porque alí teñen uns controladores super-eficientes, oiga.

RibSacraNo caso que nos ocupa, isto é, a xestión e incentivación da actividade económica polo sector público, en particular no rural, fica habitualmente lonxe da competencia perfecta. Mais ben ao contrario, o habitual nas concesións públicas é que a actividade poida ser desenvolvida por un único axente. Caso extremo é o da explotación de recursos naturais (minas, centrais eléctricas, etc.). A menor prezo e condicións á empresa foránea, maior rendibilidade (para esta). Se a concesión garante únicamente o lucro privado, desbotando o desenvolvimento e xeración de riqueza na comarca; se non xera emprego local ou, máis aínda, pode desenvolverse a actividade a distancia, convírtese nunha actividade puramente extractiva, de beneficio cero para a comunidade (ou negativo, cando acaba resultando en destrucción do medio). Este modelo de explotación é o típico colonial, e as elites políticas nestes casos compórtanse como nos países colonizados: gañar eleccións é o negocio, o medio que permite ás elites locais o acceso á chave dos favores para as empresas foráneas a cambio de beneficios persoais.

As esquerdas deben ter claro cal é o risco de que o ben común sexa xestionado polos de sempre, pero tamén debe ter claro cal e o modelo a implementar en cada caso. Habería varias situacións tipo:

  1. Dotación de servizos. Por exemplo, biblioteca, instalacións deportivas, etc., nos barrios dunha cidade. Van competir? Van vir veciños de Monte Alto á (futura) piscina do Castrillón porque alí sexan máis eficientes tramitando carnéts de socio? Xa non digamos se falamos de hospitais ou escolas. A escolla pola xestión pública é obvia (agás para Negrera).
  2. Desenvolvimento económico. Para a esquerda, o sector público debe ser un axente chave na xeración de riqueza, non só na regulación e incentivos, senón tamén na xestión pública e coa creación de empresas públicas, se fose o caso. Con todo, a escolla depende das circunstancias. Tomando o caso dos catamaráns na Ribeira Sacra, temos dous polos. Con xestión pública tenderase a incrementar oferta e mantela todo o ano, semanas e horas do día. Maximizase o papel de creación de oferta e servizos na comarca para atraer ao potencial turista, pero a risco de disparar custos (e.g., ter o barco operativo para dous turistas por alí perdidos). Con xestión privada o obxectivo é unico (maximizar lucro da concesionaria) polo que tenderase a operar baixo demanda, xestionando a venta adiantada por teléfono/internet, resultando nunha oferta irregular, cancelación de viaxes cando non se acade o cupo mínimo, e con mínima creación de emprego, estacional e, a poder ser, “flexible” (significando o que tal palabra significa). Entremedias, a administración pública conta con distintos modelos a escoller, buscando en todo caso maximizar a función social do servizo (oferta turística, creación de riqueza e emprego) sen supoñer un lastre ás finanzas públicas.
  3.  Actividade económica de crecente intensidade. No caso anterior, tanto vía creación de empresas públicas, colaboracións público-privadas, ou concesións ao sector privado, as distintas administracións deben ter por obxectivo o desenvolvimento económico do concello ou do país. En moitos sectores económicos de Galicia, se llo fiamos únicamente ao mercado, gañarán a City e Silicon Valley. Porén, unha vez acadado o obxectivo inicial de desenvolver un sector con potencial, se hai cabida a maior número de concesións ou empresas, a competencia aumenta e a necesidade de intervención redúcese. Volvemos ter capacidade de escolla. Se o crecente número de empresas opera en beneficios, pode interesar manter a propriedade pública dalgunha delas (supón unha fonte de recursos para o Estado, alén de impostos). Se o modelo se achega a competencia perfecta, pódese fiar ao sector privado. Malia iso, se se entende deben operar restriccións -por exemplo, para limitar a sobre-explotación do entorno natural da Ribeira Sacra- debe limitarse o número de concesións.

En resumo, non é máis de esquerdas un modelo ou outro, xestión pública, xestión privada, liberalización de sectores, nacionalizacións… O que é de esquerdas é traballar para o ben común, coas ferramentas que compran en cada caso. Requisito imprescindible en todo caso é a transparencia: debería ser de acceso público TODA información dispoñible (prezos, demanda, ingresos, custos, por meses, por unidade operativa, etc.) dos servizos e concesións públicas. Será máis doado fiscalizar a xestión do que é de todos, despois de todo. Coido algunhas administracións locais da autodenominada “nova política” están tardando en dar exemplo nese sentido. Por último, varios sectores son especialmente proclives á xestión pública. Non xa, obviamente, as que garanten a igualdade de oportunidades para todos (sanidade, educación, xustiza, seguridade), senón a realización e xestión de infraestructuras, o desenvolvimento económico de sectores de potencial e intereses de país e, en maior ou menor intensidade, a do sistema financeiro e o sector enerxético.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *