Emprendimento no rural

Un tema recurrente na Facultade de Economía e Empresa é que, se estamos formando capital humano en xestión empresarial, debería ser fonte de futuros emprendedores nos distintos sectores económicos do país. Porén, moi a miúdo observo máis iniciativa e interese por “montar algo” na Facultade de Informática, por exemplo, onde tamén dou clase desde hai anos. O feito de traballar con algo “palpable”, con contido de seu, fai ás veces máis doado que xurda a vocación por unha iniciativa empresarial, que dispoñer das capacidades aprendidas en xestión empresarial, sen máis.

Un tema que me trae de cabeza é o maior interese dos alumnos en “investir en bolsa”, e as charlas que organizan cada dous por tres sobre “como gañar diñeiro en bolsa”. Tras quince anos traballando en banca privada, fondos de investimento e mercados de capitais, a min mo van contar… En cambio, o interese por iniciativas empresarias no sector “real” da economía escasea, e hai moito tempo que calquer rastro sobre emprendimento no rural esmoreceu. As facultades de empresa en Galicia non forman sobre emprendimento agrogandeiro, forestal, industrial, comercial ou de calquera tipo, vinculados ao mundo rural. E non o fan, probablemente, porque o potencial alumnado escasea. Somos un país que hai décadas fuxíu da aldea. Pasarán xeracións antes de superar o noso “complexo de aldea”?

BamaO pasado 19 de marzo asistín á palestra de Benigno Pereira, de Queixería Bama (DO Arzúa), organizada por O’Facho. Magnífica e moi amena charla. Xente coma Benigno debería contar as súas experiencias nas facultades de empresa. Escoitarlle falar das orixes do negocio -“empresa é hoxe, non cando empezou: nunha casa do rural con 5 vacas onde, na Galicia dos 70s, o queixo en Arzúa, como o repolo en Betanzos, e outros casos, daban acceso a un mínimo de comercio có que comprar zocos, etc.”

A chegada do tractor sacou á vaca do traballo. Aumentada a produción leiteira, a xente puido escoller entre benestar e consumismo, e salta á vista que escolleu. A familia de Benigno optou por seguir facendo queixo, axiña comezaron a probar novas técnicas, distintos tipos de queixo, aumentando a dimensión do negocio paseniñamente, pero acomodado á demanda e, por último, I+D+i desenvolvendo unha “biofactoría” onde prima a sostenibilidade medioambiental (aproveitamento do soro lácteo, do calor dos motores para quentar auga, transformar lactosa en bioetanol…). Hoxe xa anda envolto noutros emprendimentos: castaña e viño na comarca de Trives.

Ah, esquecía: Benigno é Licenciado en Filosofía -o cual, semella, abre máis a mente do que calquera mestrado MBA. Cando se lle pregunta por que os novos non emprenden no agro, e se cre hai posibilidades de que prosperen, teno claro: “precisamos capital humano no rural. Na miña vila, Touro, non atopo xente nova para traballar. Sitio hai, moito, o que non hai é planificación nin política económica. Francia ten o mesmo problema ca nós de propiedade da terra, ou máis, pero moi distinta política de xestión. E o rural alí prospera”.

Un comentario en “Emprendimento no rural

  1. A pregunta debería ser porque nn se forma as persoas en ideas arredor da terra e a sua riqueza. Tense unha idea equivocada do rural, pero o benestar e a mair calidade de vida no teñas dubida onde está.
    Esto ven de moi longo, polo que cambiala dinamica ten que vir desde a escola. En duas xeracions a perspectiva debería cambiar, xa que tamen cambian os formadores e as suas ideas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *