Dinámica demográfica e ordenación do territorio

O vindeiro 30 de xuño o Foro Económico de Galicia organiza unha Xornada de debate no Casal de Armán (Ribadavia) sobre “Propostas para a Galicia rural do século XXI”. Nesa xornada participarei na primeira mesa de debate sobre Demografía e Ordenación do Territorio co documento “Dinámica demográfica das áreas rurais, estrutura do hábitat e ordenación do territorio”.

A idea central da miña exposición: se ben a perspectiva demográfica de Galicia é motivo de especial preocupación, a estrutura do hábitat e ordenación do territorio non só non son parte do problema, senón que poden ser parte da solución.

mapa2

Identifico 3 territorios ben diferenciados. Con case dous millóns habs., o Eixo Atlántico é a cidade de Galicia. Debe ser motor económico e polo de atracción de investimentos e capital humano.  A Galicia Central, máis de 800.000 persoas na metade do territorio, pode dar acubillo a un mundo rural sostible, sustentada por vilas e cabeceiras comarcais repartidas equilibradamente no territorio –potenciais nodos de desenvolvemento. A Alta Montaña, un 20% do territorio hoxe despoboado, bota por terra o discurso que identifica problema demográfico = abandono de centos de aldeas en todo o rural: identifícase só cunha orografía e clima de alta montaña. Implica, iso si, a responsabilidade de todos os galegos na xestión do noso patrimonio ambiental.

Este e demáis documentos debatidos no día serán publicados tras a Xornada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *