Entrevista en ECG: mundo rural sostible

No primeiro de maio veñen de publicar a entrevista que me realizou Luis Pousa para El Correo Gallego. Falamos do problema demográfico, do rural en particular, e o informe do Foro Económico de Galicia, “Desafíos dunha sociedade avellentada“.

Como garantir un mundo rural sostible?
É un problema complexo no que inciden varias cuestión. Un proceso de desagrarización do medio rural, iniciado nos anos sesenta, sen emprego noutros sectores; as migracións que xerou arrastran décadas de despoboamento e envellecemento do medio rural; os desequilibrios territoriais no conxunto de Galicia e a dispersión son unha dificultade de acceso a servizos para poboación e empresas; e en xeral, para Galicia a o Noroeste peninsular, un devalo económico e demográfico que é en boa medida consecuencia dun modelo económico “radial e mediterráneo”. De aí que tras anos de acción de goberno, PDRs e fondos europeos seguimos sen dar coa solución.

(O resto da entrevista pode lerse AQUI)

Desafíos dunha sociedade en declive demográfico

Presentamos o pasado xoves en Santiago o Documento 20/2017 do Foro Económico de Galicia, “Desafíos dunha sociedade avellentada e en declive: desequilibrios territoriais e prestación de servizos”, sobre a situación da demografía de Galicia e alternativas.

Fonte: Foro Económico de Galicia

Definimos tres áreas diferenciadas, Eixo Atlántico, Galicia Central e Alta Montaña. Neles, a situación demográfica de partida son ben distintas e as medidas que suxerimos aplicar tamén. Contrariamente ao que parecen suxerir algúns titulares de prensa, non propoñemos fusionar os concellos das cidades nin nada parecido. Pero consenso social e un cambio de cultura política si van ser precisos para darlle volta a esta situación.

O informe pódese descargar na web do Foro. Algúns medios fan resumos interesantes dos contidos, como Correo Gallego, Faro de Vigo ou Economía Digital.

Dinámica demográfica e ordenación do territorio

O vindeiro 30 de xuño o Foro Económico de Galicia organiza unha Xornada de debate no Casal de Armán (Ribadavia) sobre “Propostas para a Galicia rural do século XXI”. Nesa xornada participarei na primeira mesa de debate sobre Demografía e Ordenación do Territorio co documento “Dinámica demográfica das áreas rurais, estrutura do hábitat e ordenación do territorio”.

A idea central da miña exposición: se ben a perspectiva demográfica de Galicia é motivo de especial preocupación, a estrutura do hábitat e ordenación do territorio non só non son parte do problema, senón que poden ser parte da solución.

mapa2

Identifico 3 territorios ben diferenciados. Con case dous millóns habs., o Eixo Atlántico é a cidade de Galicia. Debe ser motor económico e polo de atracción de investimentos e capital humano.  A Galicia Central, máis de 800.000 persoas na metade do territorio, pode dar acubillo a un mundo rural sostible, sustentada por vilas e cabeceiras comarcais repartidas equilibradamente no territorio –potenciais nodos de desenvolvemento. A Alta Montaña, un 20% do territorio hoxe despoboado, bota por terra o discurso que identifica problema demográfico = abandono de centos de aldeas en todo o rural: identifícase só cunha orografía e clima de alta montaña. Implica, iso si, a responsabilidade de todos os galegos na xestión do noso patrimonio ambiental.

Este e demáis documentos debatidos no día serán publicados tras a Xornada.

Charla galego-português ‘O Facho’

A senlleira Agrupaçom Cultural O Facho convidoume a dar unha charla sobre “Galego-português, umha aposta chave no desenvolvimento da Galiza”. Malia o título, o certo é que o enfoque económico será unha parte menor da charla. Prefiro darlle un toque eminentemente ilustrativo das miñas experiencias persoais sobre galego e portugués, das que xa falei aqui algunha vez, e coas que espero seguir abríndolle os ollos a máis dun e agradezo por iso a oportunidade a O Facho de conversar sobre o tema. Así que, espero, será unha charla distendida onde falarei disto e máis disto e máis disto e disto tamén e se cadra tamén d’algo máis.

Déixovos o convite d’O Facho.

ofachoA Agrupaçom Cultural “O Facho” d’A Crunha convida-o assistir aos seus ciclos de palestras publicas e abertas do período 2013-14. O vindouro dia 30 de Abril do 2014 às 8,00 do serám, terça, o Professor da UDC, David O. Peom Pose, intervirá dentro do Ciclo, Economia, História e Realidade Social. A sua charla versará sobre: O galego-português, umha aposta chave no desenvolvimento da Galiza”.

Dia: 30 de Abril 2014 – Hora: 8 do serám

Local: Portas Artabras- Rua Sinagoga 22

Cidade Velha – Crunha

11M – Conferencia UDC Nobel

O 11 de marzo en ‘NORMAL – Espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña’ participarei na conferencia sobre o premio Nobel de Economía concedido a Eugene F. Fama, Lars P. Hansen e Robert J. Shiller.

Maiormente falaremos da antítese Fama – Shiller. De parabenizar a Robert Shiller encargareime eu. De parabenizar a Eugene Fama encargarase Anxo Calvo. Se ten que haber sangue, haberá sangue.

Esperamos vervos por alí.

Debate no xornal La Opinión

DEBATE

Este domingo publicouse no xornal La Opinión de A Coruña un resumo do ‘debate sobre perspectivas económicas para Galicia e A Coruña en 2014‘ no que participei xunto có profesor da UDC Andrés Faíña e o analista bursátil David Galán. O artigo é só un esbozo do que alí falamos, así que durante os vindeiros días tentarei profundar na miña visión sobre pasado recente, presente e expectativas de futuro para a economía galega e global.