Artigo en eldiario.es

Hoxe publícanme unha colaboración na sección Agenda Pública de eldiario.esDevaluación interna: No es ciencia, es ideología‘. Moitas grazas a Marc López ( @mlopezplana ) que foi quen me ofreceu participar con esta colaboración.

O artigo está tendo bastante boa aceptación. A pesar do perfil máis técnico deste tipo de artigos, estar en portada do diario axuda a que a estas alturas fose compartido nas redes sociais por tanta xente como un artigo de opinión dos colaboradores habituais (quitando I. Rosa e M. Torres que xogan noutra liga, claro…)

Podedes acceder ao artigo premendo na imaxe.


Fin do austericidio, fin da recesión

Comezo a colaborar cun novo medio, especializado en economía: Economía Digital.

No primeiro artigo comento polo miúdo os últimos datos de Contabilidade Nacional, que ao meu entender veñen a confirmar na práctica o que xa analizamos recientemente Fernando Rey e máis eu desde un punto de vista teórico: que dificilmente a devaluación interna pode ser o motor dunha economía onde as exportaciós netas pesan o 3% do PIB, versus o consumo interno, público e privado, preto dun 80%.

Podedes ler o artigo completo AQUI ou facendo click sobre a imaxe a continuación.

Pon ‘português’ no teu CV

Publicouse hoxe o terceiro número da nosa ‘Revista FEE‘, revista da Facultade de Economía e Empresa da UDC.

 

Coincidencias da vida, a miña aportación, ‘pon português no teu CV‘, foi escrita e enviada días antes de que acontecera isto: o Parlamento de Galicia aprobaba por unanimidade achegar Galicia á Lusofonía e aproveitarmos as oportunidades que galego e portugués ofrecen. Tivo que ser unha ILP o que conseguira que o Parlamento aprobara por unanimidade o que en décadas ningún partido político se dignou en sacar adiante. Vaiche boa Vilaboa.

 

O texto aprobado é ben ilusionante (agora só falta que realmente se poña en práctica). Resumido polo Jornal de Notícias portugués, un dos medios do país veciño que se fixeron eco da boa nova, a aprobación da ILP levaría aparellada: 1.- O governo galego “incorporará progressivamente, no prazo de quatro anos, a aprendizagem da língua portuguesa em todos os níveis de ensino regrado” e o domínio do português “terá especial reconhecimento para o acesso á função pública e concursos de méritos”; 2.- Estabelece-se que o relacionamento “a todos os níveis” com os países de língua oficial portuguesa “constituirá um objetivo estragégico” do governo galego, fomentando a participação em fóruns lusófonos económicos, culturais, ambientais e desportivos”; 3.- O governo regional “tomará quantas medidas forem necessárias para lograr a receção aberta em território galego das televisões e rádios portuguesas mediante Televisão Digital Terrestre”.

 

Amén.

 

Velaquí o artigo publicado hoxe en Espazo FEE. Espero que lle abra os ollos a máis dun.

 

 

Pon ‘português’ no teu CV

 

Hai anos fun seleccionado para participar na última rolda dun proceso de selección de persoal do European Investment Bank, EIB, institución financeira da Unión Europea con sede en Luxemburgo. Adiántovos o final –non houbo sorte- porque non é diso do que vos quero falar.

 

No currículo en inglés que lles enviara dicía que as miñas linguas maternas son portugués e español. “Non vou quitar unha liña do currículo porque no EIB non saiban o que é o galego”, pensei… Cal sería a miña sorpresa cando unha parte da entrevista persoal versou sobre o tema: “En Luxemburgo o portugués non é idioma oficial, pero hai anos houbo moita inmigración de países de fala portuguesa e é un idioma moi falado. Algún dos teus pais é portugués?” –preguntaron. Viñéronme á cabeza as típicas e inútiles discusións sobre se galego e portugués son ou non a mesma lingua, sempre cargadas de tinturas políticas. Expliqueilles aos entrevistadores o contexto histórico, as pequenas diferenzas na escrita que permiten a recíproca comprensión, e as maiores diferenzas de sotaque na fala entre galego, portugués e brasileiro.

 

Entón, para a miña sorpresa, explicáronme que entendían a situación perfectamente porque alí pasa algo semellante entre luxemburgués e alemán. Luxemburgo é un país trilingüe onde os rapaces rematan o ensino obrigatorio con competencia perfecta en 4 linguas. Non sería difícil trasladar o modelo aquí: os nenos de primaria comezan con varios anos de inmersión lingüística no idioma propio do país, o luxemburgués (o galego), porque é “o idioma do corazón”. O ensino da norma internacional do luxemburgués, o alemán (portugués) así como o francés (español) xa están presentes no ensino desde moi cedo, incluída inmersión lingüística en alemán (portugués) do final da primaria ós primeiros cursos da secundaria. Progresivamente vanse introducindo o francés (español) e o inglés, rematando con varios cursos de inmersión lingüística en francés (español). Deste xeito, os alumnos rematan os seus estudos perfectamente competentes en polo menos 4 linguas, as 3 oficiais e máis o inglés.

 

Aquí non só os nosos incompetentes gobernantes levan décadas ignorando a facilidade coa que os galegos poderíamos adquirir perfecta competencia en portugués admitindo o seu ensino obrigatorio, incluso a través da propia materia de galego, senón que parecen ter máis consideración por quen prefire seguir o camiño da ignorancia e incompetencia lingüística para vivir en Galicia como se isto fose Murcia. Bilingües, disque se chaman.

 

Tempo despois da miña experiencia en Luxemburgo decidín que era tempo de superar as deficiencias do noso sistema de ensino obtendo unha acreditación oficial en portugués. A empresa onde traballaba, BBVA, viña de incrementar daquela a súa rede en Portugal, polo que decidiu engadir o portugués aos cursos de idiomas que ofrecía a empregados nos servizos centrais en Madrid. Requisito previo era facer unha proba de nivel para ver en cal dos 3 cursos de portugués podía entrar. Feita a proba oral e escrita recibín a chamada do profesor para darme o resultado da proba: “tienes un nivel superior a los que ofrece la empresa, no te puedo poner en clase con nadie”.

 

Dúas conclusións. Primeira, non somos uns bichos raros. Europa está chea de casos semellantes, conflitos que mudaron fronteiras non só políticas mais tamén lingüísticas, e alí onde a política non contamina o ambiente un código aceptado por todos é que dúas linguas que non son idénticas pero si moi próximas poden considerarse unha mesma lingua para efectos prácticos se permiten a dous falantes comunicarse entre si, cada un no seu rexistro. Así, quen non queira ver ó galego como a mesma lingua que o portugués, o que non pode negar é que saber galego é tan válido internacionalmente como saber portugués.

 

Segunda, proba diso é que agora que as multinacionais españolas queren investir en Portugal ou Brasil, e precisan directivos españois que falen portugués, pagarían por ter un nivel de portugués similar ó que ten un galego que nunca estudou portugués. E ti que falas galego non o vas acreditar no teu CV? Non digo que che vaia garantir un posto de traballo, pero nun mundo tan competitivo como este pode marcar a diferenza nun proceso de selección.

 

A Crise nos Medios en Galego

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia ven de editar o informe ‘A Crise nos Medios en Galego‘, un estudo dos factores empresariais que determinaron o peche de varios medios de comunicación en galego nos últimos anos. O estudo económico, que pretende analizar os determinantes do fracaso empresarial mediante unha análise económico – financeira das empresas editoras dos principais medios en galego durante a pasada década, foi levado a cabo por Xabier Doporto e David Peón.

 

O informe ‘A Crise dos Medios en Galego’ é descargable gratuítamente na propia web do Colexio de Xornalistas, facendo click AQUI.

Reporteiros – Valores refuxio

Xa está na web da CRTVG o programa ‘Reporteiros’ emitido este sábado pasado. Inclúe a reportaxe ‘valores refuxio‘ onde participo como entrevistado. A reportaxe, a partir do minuto 27:30 do programa.

 

 

Parabéns a Reporteiros pola reportaxe, sobre todo por como abordan os contidos, primeiro presentando o xeral dos productos e a idea de diversificación, para dar paso de xeito ordeado a cada un dos productos polos respectivos expertos, e pechando coas virtudes de cada un e a idea de en todo caso ‘investir con tino’. Eu non o sabería facer mellor, e a audiencia poderá ter unha idea clara destes productos, que era do que se trataba.

Longa vida ao rock and roll!!

Ven de publicarse hoxe mesmo o segundo número da revista Espazo FEE, a revista da Facultade de Economía e Empresa da UDC. No primeiro número participei cun artigo sobre a situación político-económica en Europa, ‘Zeitgeist… ata cando?’, pero neste segundo número preferín cambiar de rexistro. A nosa revista pretende abrir unha fiestra de participación onde tod@s poderemos opinar de cuestións académicas, pero tamén sobre calquera asunto da nosa vida cotiá (gustos, afeccións literarias, musicais, artísticas, viaxes, etc.) ou do noso contorno (problemas, solucións, puntos de vista, etc.). Así que o amigo Suso Mirás, profesor do Dpto de Economía Aplicada I, e máis eu decidimos empregar as páxinas da nosa revista para resolver os nosos debates musicais en público.

Rock vs tecno, quen gañará? Eu despois de ver a este maquinero criticar a Beethoven… non teño máis que dicir!!

 

LONGA VIDA AO ROCK AND ROLL!

 

Decía deus, máis coñecido na Terra como Neil Young, rock and roll will never die. Pero sempre haberá ousados que pretendan dar por morta a unha das maiores expresións culturais que deu o século XX. O amigo Suso Mirás seica é un deles: no primeiro número da revista Espazo FEE, Suso nos regalaba un artigo onde defendía que as ‘máquinas’ –isto é, a música electrónica- “permitiron democratizar a creación musical”. Pobriño, un de tantos fans do tecno que pensan que o rock morreu nos 70…

Desde estas liñas lanzo un reto: vexamos quen gaña, o rock ou a música electrónica. Para xogar en igualdade de condicións, incluso deixando fora os clásicos (Led Zeppelin, Pink Floyd, Queen, Clapton, Hendrix…) demostrarei que o rock segue tan vivo coma sempre despois das máquinas; isto é, despois do terremoto musical de 1977: Sex Pistols, CBGB, a triloxía de Berlin de Bowie (que bebía, por certo, do movemento máquina de Neu! ou Kraftwerk), etc. Ofrezo aquí unha lista de dez discos de rock das últimas 3 décadas, imprescindibles en calquer discoteca doméstica, e comparemos có que nos poden desde o mundo do tecno…

London Calling (1979) – The Clash. Un dos mellores discos de rock da historia e, seguro, o que mellor expresa a súa natureza ecléctica: punk, reggae, pop, jazz, soul…

Back in Black (1980) – AC DC. Poucos grupos sobreviven á morte do seu cantante; ACDC regresou do inferno coa mellor colección de riffs de guitarra e o segundo disco máis vendido da historia.

Appetite for destruction (1987) – Guns n’ Roses. No deserto pop da MTV dos 80, o primeiro disco da banda californiana arrasa en vendas e convírtese en icona do rock posterior.

The Stone Roses (1989) – The Stone Roses. Unha delicia para os oídos que sentaría as bases do Britpop que dominaría a escena nos 90.

Blood Sugar Sex Magik (1991) – Red Hot Chili Peppers. O ano do imprescindible Nevermind (Nirvana), pero por aquilo de facer a listaxe máis ecléctica selecciono o disco clave do funk rock.

Jagged Little Pill (1995) – Alanis Morissette. Madonna demostrou que as mulleres podían dominar a industria do pop. Alanis, có disco debut máis vendido da historia, que podían facer o mesmo có rock. Desde entón, na música mandan elas.

OK Computer (1997) – Radiohead. Disque “non hai escalas musicais, só oidos mal entrenados”. Radiohead revolucionou a escena coa súa música experimental e por anticipar malestar social e alienación na sociedade moderna. Para moitos, o mellor álbum da historia.

In the Aeroplane over the Sea (1998) – Neutral Milk Hotel. O disco de culto por excelencia. Indie un tanto psicodélico, melodías deliciosas e obtusas pero emotivas letras de Jeff Mangum sobre Anna Frank. Se non o coñeces… xa estás tardando!

Elephant (2003) – White Stripes. 2003 foi un ano exquisito (Muse, Green Day…) pero o punk e as grandes bandas xa están representadas nesta lista. Sitio para o garage rock do maior guitar hero da década e guardián das esencias do rock, Jack White.

Funeral (2004) – Arcade Fire. Con The Suburbs (2010) o indie dominou as vendas e os Grammy, pero a mellor esencia da grande banda canadiense remóntase xa ao seu primeiro disco.

De Chuck Berry a The Strokes… longa vida ao rock n’ roll!!

 

DAVID PEÓN

 

 

ROCK IS DEADER THAN DEAD

Non hai como andar na cociña para cheirar o pote. Iso debía pensar Brian H. Warner (aka Marylin Manson), cando afirmaba sen pudor Rock is deader than dead… Amigo David, as expresións culturais veñen e van. Abofé que os homes das cavernas farían ritmos sincopados, e aínda hai quen aprecie a Beethoven (Barón Rojo tocando Breakthoven), as expresións folclóricas da música, etc., mais… o futuro chegou hai tempo. Até os trasnoitados asumen que hai que renovar ou morrer. Lembras aqueles pioneiros de finais dos sesenta (The Doors, Emerson, Lake & Palmer, Pink Floyd… o krautrock alemán) empregando xa as máquinas?
O rock non morreu nos setenta porque o punk veu ao rescate, mais o certo é que moitas bandas de metal ou new metal (Ministry of Fear Factory) ou da música industrial (Nine Inch Nails, Front Line Assembly…) asumen as influencias doutras correntes, fusionando o rock coa electrónica. O rock segue a producir, mais comeza a ser anacrónico, unha gloria pasada, tal cal unha pintura renacentista. A miña oferta ten o problema da interminable listaxe de ramificacións da música electrónica. Asi que, liberdade de elección…
Die Mensch Maschine (1978) – Kraftwerk. Os pais da criatura. Os inicios do pop electrónico desde Alemaña, e unha banda lendaria de enorme influencia en moitos grupos e estilos posteriores. Este disco senta as bases conceptuais do xénero.
Construction Time Again (1983) – Depeche Mode. A banda de maior proxección do synthpop. Persoalmente, este álbum cambiou a miña concepción musical.
Power, Corruption & Lies (1983) – New Order. O suicidio de Ian Curtis motivou a refundación doutra banda de culto, Joy Division, que até daquela fora bandeira do post-punk e inspirara o gothic rock. É o grupo que encarna mellor que ningún outro o tránsito do rock á electrónica.
Front by Front (1988) – Front 242. Partindo da tradición tecnolóxica alemá, caracterizáronse por xerar sons máis agresivos e ritmos máis incisivos, o que deu inicio á Electronic Body Music (EBM).
Blue Lines (1991) – Massive Attack. Imprescindible, e un dos traballos máis influentes da escena musical británica dos noventa que abriu camiño ao chamado Bristol Sound ou trip-hop.
Exit Planet Dust (1995) – Chemical Brothers. O disco de debut deste dúo é unha das referencias do Big Beat, desenvolvido con mestría no seguinte álbum, Dig Your Own Hole (1997).
Better Living Through Chemistry (1996) – Fatboy Slim. Norman Q. Cook, batería de The Housemartins (a conexión, agora co pop) e DJ, sintetiza aqui o seu combo, mestura de hip hop, breakbeat, rock e rhythm and blues, e outro dos referentes do Big Beat.
In Sides (1996) – Orbital. Banda chave nos noventa. O intelligent techno levado ao seu cume é a súa producción máis equilibrada.
Second Toughest in the Infants (1996) – Underworld. O seu álbum de madurez, mestura elementos de techno, house e drum&bass con que logra en conxunto un resultado espectacular.
The Fat of the Land (1997) – The Prodigy. Banda cun estandarte musical enerxético e agresivo, froito dunha fonda actitude punk. Neste traballo mesturan sons rave, hardcore techno, industrial, breakbeat, big beat, metal industrial e punk.
SUSO MIRÁS

 

Xornada Debate FEF

O vindeiro día 10 de outubro, no Palacio de la Bolsa de Madrid, celébrase unha Jornada de Debate sobre Desapalancamiento y Crecimiento en España, organizado pola Fundación de Estudios Financeiros (FEF) e Bolsas y Mercados (BME).

 

 

O obxectivo da xornada, “aportar ideas y soluciones sobre el complejo momento que atraviesa la economía española en su obligado proceso de desapalancamiento o desendeudamiento y los condicionantes e implicaciones que esa situación plantea a la hora de encontrar una senda de crecimiento equilibrada”. Participan coñecidos economistas e profesionais como, entre outros, Ángel Laborda (Funcas), J.L. Feito (CEOE), Blas Calzada, Carmen Alcaide, J.L. Malo de Molina (BdE) ou Domingo G. Coto (BME). Entre eles, e pechando as xornadas, participarei eu presentando un artigo conxunto con Manel Antelo (USC) sobre ‘Desapalancamiento del Sector Público’. A presentación a poderedes descargar nesta mesma web, en documentos, nos vindeiros días.