Entrevista en ECG: mundo rural sostible

No primeiro de maio veñen de publicar a entrevista que me realizou Luis Pousa para El Correo Gallego. Falamos do problema demográfico, do rural en particular, e o informe do Foro Económico de Galicia, “Desafíos dunha sociedade avellentada“.

Como garantir un mundo rural sostible?
É un problema complexo no que inciden varias cuestión. Un proceso de desagrarización do medio rural, iniciado nos anos sesenta, sen emprego noutros sectores; as migracións que xerou arrastran décadas de despoboamento e envellecemento do medio rural; os desequilibrios territoriais no conxunto de Galicia e a dispersión son unha dificultade de acceso a servizos para poboación e empresas; e en xeral, para Galicia a o Noroeste peninsular, un devalo económico e demográfico que é en boa medida consecuencia dun modelo económico “radial e mediterráneo”. De aí que tras anos de acción de goberno, PDRs e fondos europeos seguimos sen dar coa solución.

(O resto da entrevista pode lerse AQUI)

BETA+

Preséntase en Santiago a Agrupación de Investigación BETA+ en bioeconomía, emprendemento, territorio e ambiente.

Conformado por 19 grupos de investigación das universidades galegas, ten por obxecto poñer a disposición da sociedade os seus estudos. As problemáticas principais: o despoboamento e envellecemento da poboación, a xestión dos recursos naturais, o emprendemento no rural, a bioeconomía, o impacto do turismo ou a conservación do patrimonio. Unha iniciativa moi interesante e necesaria. Parabéns aos promotores. (Máis info).

Desafíos dunha sociedade en declive demográfico

Presentamos o pasado xoves en Santiago o Documento 20/2017 do Foro Económico de Galicia, “Desafíos dunha sociedade avellentada e en declive: desequilibrios territoriais e prestación de servizos”, sobre a situación da demografía de Galicia e alternativas.

Fonte: Foro Económico de Galicia

Definimos tres áreas diferenciadas, Eixo Atlántico, Galicia Central e Alta Montaña. Neles, a situación demográfica de partida son ben distintas e as medidas que suxerimos aplicar tamén. Contrariamente ao que parecen suxerir algúns titulares de prensa, non propoñemos fusionar os concellos das cidades nin nada parecido. Pero consenso social e un cambio de cultura política si van ser precisos para darlle volta a esta situación.

O informe pódese descargar na web do Foro. Algúns medios fan resumos interesantes dos contidos, como Correo Gallego, Faro de Vigo ou Economía Digital.

Por que arde Galicia?

Por que arde Galicia ano tras ano?

lume

Lume en Tenorio – Cotobade. Agosto 2016.

Primeiro, deberiamos distinguir, e non misturar, dúas preguntas diferentes. Primeira, por que hai tantos incendios? E segunda, por que arde o monte?

Porque a resposta á segunda cuestión sabémola todos: o progresivo abandono do rural, da sua explotacion economica, e ter o monte “a monte”. O clásico “os lumes apáganse no inverno”. No verán, os dias 30-30-30 fan o resto.

A resposta á primeira pregunta, porén, é máis complexa, pero as cifras de lumes intencionados (o 84% segundo estudo do Seprona, ver aqui) non tenhen parangón. Algunhas tipoloxías están na mente de todos, e atrévome a aventurar unha prelacion:

i. os propios propietarios (limpeza do monte, vinganzas, etc).

ii. as “mafias madereras”, como lle chaman no artigo anterior.

iii. o negocio da extincion do lume.

iv. a especulacion urbanistica, coa inestimable axuda da última lei de montes.

v., e a moi longa distancia, os pirómanos -que habelos hainos, pero non tantos como criamos, ou nos contaban, nos 80s.

Dinámica demográfica e ordenación do territorio

O vindeiro 30 de xuño o Foro Económico de Galicia organiza unha Xornada de debate no Casal de Armán (Ribadavia) sobre “Propostas para a Galicia rural do século XXI”. Nesa xornada participarei na primeira mesa de debate sobre Demografía e Ordenación do Territorio co documento “Dinámica demográfica das áreas rurais, estrutura do hábitat e ordenación do territorio”.

A idea central da miña exposición: se ben a perspectiva demográfica de Galicia é motivo de especial preocupación, a estrutura do hábitat e ordenación do territorio non só non son parte do problema, senón que poden ser parte da solución.

mapa2

Identifico 3 territorios ben diferenciados. Con case dous millóns habs., o Eixo Atlántico é a cidade de Galicia. Debe ser motor económico e polo de atracción de investimentos e capital humano.  A Galicia Central, máis de 800.000 persoas na metade do territorio, pode dar acubillo a un mundo rural sostible, sustentada por vilas e cabeceiras comarcais repartidas equilibradamente no territorio –potenciais nodos de desenvolvemento. A Alta Montaña, un 20% do territorio hoxe despoboado, bota por terra o discurso que identifica problema demográfico = abandono de centos de aldeas en todo o rural: identifícase só cunha orografía e clima de alta montaña. Implica, iso si, a responsabilidade de todos os galegos na xestión do noso patrimonio ambiental.

Este e demáis documentos debatidos no día serán publicados tras a Xornada.

Emprendimento no rural

Un tema recurrente na Facultade de Economía e Empresa é que, se estamos formando capital humano en xestión empresarial, debería ser fonte de futuros emprendedores nos distintos sectores económicos do país. Porén, moi a miúdo observo máis iniciativa e interese por “montar algo” na Facultade de Informática, por exemplo, onde tamén dou clase desde hai anos. O feito de traballar con algo “palpable”, con contido de seu, fai ás veces máis doado que xurda a vocación por unha iniciativa empresarial, que dispoñer das capacidades aprendidas en xestión empresarial, sen máis.

Un tema que me trae de cabeza é o maior interese dos alumnos en “investir en bolsa”, e as charlas que organizan cada dous por tres sobre “como gañar diñeiro en bolsa”. Tras quince anos traballando en banca privada, fondos de investimento e mercados de capitais, a min mo van contar… En cambio, o interese por iniciativas empresarias no sector “real” da economía escasea, e hai moito tempo que calquer rastro sobre emprendimento no rural esmoreceu. As facultades de empresa en Galicia non forman sobre emprendimento agrogandeiro, forestal, industrial, comercial ou de calquera tipo, vinculados ao mundo rural. E non o fan, probablemente, porque o potencial alumnado escasea. Somos un país que hai décadas fuxíu da aldea. Pasarán xeracións antes de superar o noso “complexo de aldea”?

Continúa lendo

Idade media de maternidade

Unha gráfica que resume, desde 1975 en Galicia, os cambios socioeconómicos q levaron a idade de maternidade máis frecuente dos 22-23 anos (perto de 3.000 nacementos por cohorte) aos 35-36 anos (xa para a metade de nacementos por cohorte, en torno a 1.600). Como resultado, o número de nacementos en Galicia pasa dos 45.000 en 1976 a por baixo dos 20.000 desde 2013.

idade_matern

Que unha muller poida rematar a educación universitaria aos 22 anos, ou incluíndo posgraos non máis aló dos 25 anos, pero non teña fillos ata ben entrada a treintena, é un claro indicador de que o principal factor tras a extremadamente baixa natalidade en Galicia depende fundamentalmente de aspectos relacionados có mercado de traballo: ausencia de oportunidades laborais, precariedade, ausencia de conciliación, e/ou o efecto temido sobre as oportunidades laborais tras a maternidade.

Recambio e emigración xuvenil

mlaboralO mercado laboral xuvenil en Galicia, en 3 datos:

  • Índice de recambio da poboación activa, ano 2014: 160,7
  • Emigración externa (a outras CCAA e ao extranxeiro), ano 2014: 3.398 menores de 24 anos, 8.966 entre 25 e 34 anos
  • Taxa de paro xuvenil, 3T ano 2015: 29.6% nos menores de 29 anos (40.4% nos menores de 24)

Ano tras ano, por cada 1.000 rapaces que van cumplir 20 anos, 1.607 persoas cumplen a idade de xubilación. Lonxe de ter traballo simplemente con ocupar os postos de traballo que os nosos pensionistas van deixando libre, 12.364 rapaces de 16 a 34 anos emigraron fora de Galicia en 2014, e a taxa de paro dos que aqui quedan é do 29.6% nos menores de 29 anos. 53.900 rapaces, 18.100 deles con estudos universitarios.

Mortirolo galego… en León?

León reclama a Galicia 2 km, no Porto de Ancares Pandozarco, asignados a Galicia nos mapas por un “erro”.

xancares-pandozarco_blog

A liña vermella é o límite orográfico (ladeiras a un lado e outro dos cumios de Os Ancares) entre Galicia, Asturias e León. Na división provincial de 1833, con tiraliñas, asínganse as aldeas de Balouta e Suárbol, do lado galego, á provincia de León. Cabería preguntarse por que se fixo así pero, en calquer caso, o paso polo cumio de Ancares, que conecta Navia de Suarna có Bierzo, corresponde a Galicia ata o cumio, e a León do outro lado.

Cando a etapa de La Vuelta 2014 e a fin de etapa en Pandozarco xa avisamos: Candín, o concello da provincia de León, paga a fin de etapa, e La Vuelta anuncia que a etapa remata en León, non en Galicia (ver liña azul). Entón levántase a lebre.

Continúa lendo

Terra e Leite sobre o sector lácteo

Hoxe publica a Asociación Terra e Leite un formidable documento, sobre todo polo que ten de divulgativo e comprensible para o grande público, sobre a crise do sector leiteiro en Galicia: “Situacion do sector lacteo. Apuntes para a reflexion e o debate” (descargable aqui). Resumo os trazos que considero esenciais no que respecta á diagnose da situación:

  • Para os problemas do sector non hai solucións milagreiras, fai falla altura de miras
  • O problema do sector lácteo non é o prezo do leite: o prezo é un dos síntoma dos problemas do sector lácteo

Continúa lendo