Vida nova, web nova

Feliz 2016!

En 2010 decidín aparcar unha vida profesional na banca que non me motivaba e voltar á Universidade. A finais de 2011 presentei esta web, dpeon.com como punto de encontro coa sociedade. Na miña maneira de ver as cousas, a comunidade universitaria ten que cumplir tamén un papel esencial de divulgación do coñecemento á sociedade, máxime no eido das ciencias sociais, onde outros axentes contan có poder e os medios de ofrecer a súa particular visión das cousas, sempre favorable aos seus intereses.

Rematado o Doutorado en Economía e Empresa, nos últimos dous anos combinei de novo vida profesional e académica como puiden, pero chegou a hora de dar o paso: a partir de 2016 incorpórome na UDC a tempo completo. A investigación na Universidade (pública e de calidade!) é unha das cousas ás que me quero dedicar a partir de agora -pero tamén outras!

webPor iso tamén agora, neste tempo de mudanzas persoais, presento a miña web persoal anovada. Nova presentación, novos contidos, e maior interacción coa sociedade. O blog contará con seccións de divulgación do meu traballo (Academics para publicacións académicas, Colaboracións para as miñas aportacións en medios, palestras, etc.), seccións de debate público de ideas (nos eidos de Economía & Finanzas, Galicia -demografía e territorio, principalmente- e Política), e seccións para dar cabida a outras voces: Lecturas, onde comentarei libros e artigos nas RRSS do meu interese, e Conversas, onde de momento rescato as entrevistas a Manuel Lourenzo, Antón Reixa, Antón Losada, Xoán V. Mao e Valentín Fagim no blog nosquedaportugal entre os anos 2009 e 2010, pero nos que en breve iremos incorporando nov@s protagonistas.

Por último, no menú da dereita, os apartados habituais de almacenaxe e posta en común de documentación persoal, onde irei actualizando documentos, artigos académicos e en prensa, e outras cousas.

Á vosa disposición. Graciñas por estar ahi.

Dr. Peón

Alá van catro anos da miña vida…

.

photo by pernasfrouxas (obrigado!)

Tentar agradecer nunhas breves liñas a todas as persoas e institucións que, durante os máis de catro anos de desenvolvemento e elaboración desta tese doutoral, prestaron a súa colaboración desinteresada ou influíron nos meus pensamentos e coñecementos sintetizados na mesma, sería de todo inacadable. Vaia o meu recoñecemento e agradecemento por tanto a todos vós, profesores, persoal e alumnos da FEE pola vosa axuda, e en particular a todos os compañeiros do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade.

Quixera agradecer persoalmente a aqueles que realizaron achegas de moita valía na elaboración dos artigos e publicacións que resultaron desta tese: os compañeiros Ángel Fernández, Cristina Anido, Emma Iglesias, Fernando de Llano, Flora Muíño, José A. Novo, José M. Seijas, Manuel Gómez, Marcos Vizcaíno, Paolo Rungo e Rafael Gómez, así como a Andrea Ceschi, Javier Iglesias, Juan Vilar, Jose A. Vilar, Manuel F. Grela, Tomasz Michalski, revisores anónimos e editores dos diversos journals. O meu agradecemento especial a Enrico Cervellati e Jorge Rodriguez pola súa orientación. Colaboraron moi especialmente na elaboración dalgunhas partes da tese os compañeiros Paulino Martínez no deseño da aplicación informática e Xosé M. Filgueira en axuda técnica. Por último, agracecer a todos e cada un dos 126 alumnos participantes no experimento a súa participación.

Expreso finalmente a miña gratitude a todos aqueles os que, sen a súa colaboración, esta tese nunca tería sido unha realidade. Ao Grupo BBVA por facilitarme a miña dedicación á tese durante catro anos. Ao Departamento de Economía Financeira e Contabilidade da UDC por todas as facilidades para o desempeño das miñas actividades docentes e de investigación. A miña enorme gratitude e recoñecemento aos meus directores de tese, Dr. Manel Antelo e Dr. Anxo Calvo, pola súa sabedoría, orientación, e apoio en todo momento. Tivestes moita paciencia…

E moi especialmente a meus pais e irmans, e a María, a quen lle debo todo o seu apoio estes anos, a paciencia e o ánimo nas interminables horas e preocupacións que deu de si este traballo, e por sacar adiante ás nosas xoias, Anxo e Pablo. Quérovos.

Defensa Tese Doutoramento

E chegou o día.

O vindeiro 16 de xaneiro de 2015 terá lugar o meu acto de Defensa da Tese de Doutoramento Behavioral Microfoundations of Retail Credit Markets: A Theoretical and Experimental Approximation, depositada públicamente o pasado mes de novembro.

O Tribunal que avaliará a miña Tese está composto polos seguintes Profesores Doutores:

PRESIDENTE: ANDRÉS ARAÚJO DE LA MATA, Universidad del País Vasco – EHU

VOGAL 1ª: IRENE COMEIG RAMÍREZ, Universitat de Valencia

VOGAL 2º: IVÁN BARREDA TARRAZONA, Universitat Jaume I

VOGAL 3º: LUIS ALBERTO OTERO GONZÁLEZ, Universidade de Santiago de Compostela

SECRETARIA: SUSANA IGLESIAS ANTELO, Universidade da Coruña

A hora e lugar do evento será 16 de xaneiro ás 12:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Economía e Empresa da UDC.

Estades tod@s convidad@s.

Charla galego-português ‘O Facho’

A senlleira Agrupaçom Cultural O Facho convidoume a dar unha charla sobre “Galego-português, umha aposta chave no desenvolvimento da Galiza”. Malia o título, o certo é que o enfoque económico será unha parte menor da charla. Prefiro darlle un toque eminentemente ilustrativo das miñas experiencias persoais sobre galego e portugués, das que xa falei aqui algunha vez, e coas que espero seguir abríndolle os ollos a máis dun e agradezo por iso a oportunidade a O Facho de conversar sobre o tema. Así que, espero, será unha charla distendida onde falarei disto e máis disto e máis disto e disto tamén e se cadra tamén d’algo máis.

Déixovos o convite d’O Facho.

ofachoA Agrupaçom Cultural “O Facho” d’A Crunha convida-o assistir aos seus ciclos de palestras publicas e abertas do período 2013-14. O vindouro dia 30 de Abril do 2014 às 8,00 do serám, terça, o Professor da UDC, David O. Peom Pose, intervirá dentro do Ciclo, Economia, História e Realidade Social. A sua charla versará sobre: O galego-português, umha aposta chave no desenvolvimento da Galiza”.

Dia: 30 de Abril 2014 – Hora: 8 do serám

Local: Portas Artabras- Rua Sinagoga 22

Cidade Velha – Crunha