Recambio e emigración xuvenil

mlaboralO mercado laboral xuvenil en Galicia, en 3 datos:

  • Índice de recambio da poboación activa, ano 2014: 160,7
  • Emigración externa (a outras CCAA e ao extranxeiro), ano 2014: 3.398 menores de 24 anos, 8.966 entre 25 e 34 anos
  • Taxa de paro xuvenil, 3T ano 2015: 29.6% nos menores de 29 anos (40.4% nos menores de 24)

Ano tras ano, por cada 1.000 rapaces que van cumplir 20 anos, 1.607 persoas cumplen a idade de xubilación. Lonxe de ter traballo simplemente con ocupar os postos de traballo que os nosos pensionistas van deixando libre, 12.364 rapaces de 16 a 34 anos emigraron fora de Galicia en 2014, e a taxa de paro dos que aqui quedan é do 29.6% nos menores de 29 anos. 53.900 rapaces, 18.100 deles con estudos universitarios.

Nodos e sombras

Vai un mapa sen excesivo rigor científico pero ilustrativo.

 A min o mapa dime tres cousas.

Primeiro, dime Vigo, A Coruña e Santiago. Redes (portos, aeroportos, conexións intermodais, universidades…) e proxecto de país.

Segundo, dime Lalín, Monforte, Sarria. O Barco – A Rúa, Verín – Monterrei – Oímbra, … Nodos de equilibrio da Galicia interior, esenciais para a vertebración e equilibrio do territorio.

Terceiro, dime Santa Comba, Cee – Corcubión, Carballo – Coristanco, Melide – Arzúa, Chantada, Celanova, Xinzo, Meira, Becerreá, Cedeira, Pontecaldelas – A Lama, Cerdedo, O Carballiño, Ribadavia, Ordes, Vimianzo, … Un mundo rural viable e con futuro no século XXI precisa de vilas con servizos básicos nun radio de 20km max.

Suicidio demográfico e o peto dos galegos

Neste post sintetizo algunhas cuestións adicionais sobre o drama demográfico que nos agarda en Galicia nos próximos anos do que xa falamos varias veces nesta web (como aqui, aqui ou aqui). Cuestións que se orixinan nun par de lecturas recentes.

A primeira foi un titular dun xornal local de Palencia có que din en Twitter: “La mitad de los nacidos en Palencia residen en otras partes de España”.

Parecéume un exercicio interesante comprobar cal sería o resultado en todas as provincias do Estado e, en particular, as nosas. Sobre todo porque tal indicador recollería o efecto ao longo de décadas dos procesos migratorios.

Velaquí o resultado:

Gráfico: Xosé Martinez (UDC). Fonte: INE

Continúa lendo

Padrón 2014

Seis meses sen publicar na web ben merecen unha pequena explicación. Hai seis meses voltei á miña actividade profesional, combinado cós últimos meses de voráxine para ter todo listo (últimas revisións, burocracia administrativa, imprenta…) para o acto de Defensa da miña Tese de Doutoramento o vindeiro 16 de xaneiro. A partir desa data espero recuperar algo as miñas publicacións na web sobre actualidade económica, pero non será xa ao ritmo de anos anteriores.

Unha das teimas das que seguirei escribindo é o problema demográfico de Galicia. Recentemente veño de actualizar o working paper “Patróns de Despoboamento Rural”, xa en avaliación en revista académica. Tédelo á vosa disposición en documentos – academic papers. Un dos principais resultados deste estudo estatístico có colega Xosé M. Filgueira é cuantificar en que medida as comarcas do rural precisan, ou ben dunha cabeceira de comarca poboada, ou ben dunha cercanía aos principais nodos poboacionais do país. En concreto, as comarcas con cabeceira inferior a 5.000 habitantes e alonxadas das principais cidades están a perder poboación de maneira alarmante.

Onte o INE ven de publicar o Padrón 2014. Ilustro aqui con tres gráficas (principalmente as dúas primeiras) o porque do alarmante da situación.

Cabeceiras inferiores a 10 mil habitantes

Na primeira gráfica, unha selección de pequenas vilas (inferiores a 10.000 habitantes) pero necesarias para o obxectivo de equilibrio do territorio. Continúa lendo

Patrons de despoboamento rural

Na sección ‘Documentos – Academic Papers‘ acabamos de poñer a disposición de calquer interesado a versión actual, aínda en formato working paper, do estudo por Xosé M. Filgueira e David Peón “Patróns de despoboamento do rural galego“. A base de datos do estudo está tamén dispoñible en ‘Documentos – Economic data – Galicia‘.

No artigo levamos a cabo unha análise estatística para contrastar e cuantificar algunhas das observacións clásicas na problemática demográfica de Galicia e a súa polaridade rural – urbana. Primeiro, íllase o efecto arrastre demográfico para identificar distintos patróns de despoboamento a nivel comarcal ao longo das últimas dúas décadas descontado o efecto migratorio histórico. Esta análise mostraría unha visión alternativa do proceso de despoboamento, caracterizada pola conformación dun anel central de dinámica demográfica positiva a partir das cidades galegas de interior.

Segundo, profúndase na análise estatística da polaridade rural – urbana cunha medición do papel xogado por diversos parámetros de vertebración xeográfica da poboación galega. A este efecto, resultan determinantes a poboación da cabeceira de comarca –cunha perda de poboación do -0,55% anual nas comarcas con cabeceira inferior a 5.000 habitantes- e a distancia por estrada á máis próxima das sete cidades galegas –cun -0,17% adicional.

Terceiro, descontado o efecto arrastre da emigración pasada e vertebración xeográfica do territorio, explícase a evolución das distintas comarcas en función da distribución sectorial do PIB, ao efecto de identificar os sectores económicos que máis axudaron no pasado recente a conter o devalo demográfico das comarcas rurais.

Dúas visións do despoboamento de Galicia

Un pequeno adianto do meu último hobby académico…

Boa parte do problema demográfico de Galicia arrástrase do pasado, por exemplo, da forte emigración nos anos 60-80 que deixou fortemente descompensada a pirámide poboacional de 3/4 partes do territorio. No paper no que andamos a traballar o colega Xosé M. Filgueira e máis eu, buscamos eliminar ese efecto para comprobar que comarcas están a conseguir correxir o problema: isto é, malia perder poboación, a perda débese ao efecto arrastre e non a un agravamento da situación socioeconomica. Primeiros resultados: 

Mapa á esquerda, despoboamento das comarcas galegas desde 1991. Mapa á dereita, mesmo mapa correxido o efecto arrastre da emigración dos anos 60-80. Destacan para ben, Verín e Valdeorras, o ‘anel central’ (un dos resultados que nos parecen máis interesantes) conformado por Carballiño – Ourense – Monforte – Sarria – Lugo – sureste da provincia da Coruña- Tabeirós (A Estrada). Destacan para mal, a Costa da Morte (Xallas (Sta Comba), Vimianzo e Muros, principalmente) e Ferrolterra, por non falar da Montaña d’A Fonsagrada ao sur da provincia de Ourense, no que a cousa segue a peor.

Demografía recesiva

O INE ven de publicar o padrón de 2013 por provincias. España experimenta unha demografía recesiva (unha queda do 0.29% da poboación) por primeira vez. Esta novidade, no conxunto do Estado, pode incluso ter unha interpretación parcial positiva, porque é o resultado en boa medida do retorno da inmigración chegada a España coa burbulla inmobiliaria que agora non atopa perspectivas de ningún tipo. Porén, está é só unha interpretación parcial, porque moitos dos que están emigrando son xóvenes, sobradamente cualificados, que grazas á política miope curtopracista implementada por España e alentada-imposta por Europa, marchan do país fartos. E si, a demografía é a política económica que mellor lle está funcionando a este goberno, porque é a que lle permite falar de número de parados á baixa con datos de contratación laboral aínda negativos.

Ranking demografía 2013

Con todo, ese é o conto a nivel España. En Galicia (e no noroeste peninsular en xeral) o conto é ben distinto. Continúa lendo