Desemprego e maiorías absolutas

Ainda que residente (e votante) na Coruña, “o home é de onde nace e non de onde pace” así que eu sigo as eleccións de Pontevedra, miña vila natal, case coa mesma intensidade. As eleccións en Pontevedra están marcadas polo discurso do PP sobre Ence e o desemprego en Pontevedra, repetido polos seus altofalantes ate a saciedade, a consecuencia duns datos da EPA hai dous trimestres (máis info en Praza.gal).

A mellor maneira de desmontar tal afirmación é que Pontevedra, xunto con Lugo, ven gañando poboación nas últimas décadas moi por riba do resto das cidades galegas, así que, se manteñen taxas de paro similares ao resto, necesariamente Pontevedra e Lugo están creando máis emprego (proporcionalmente) nos últimos 20 anos. Fun ao IGE á procura de datos, pero só hai -desagregado a nivel concellos- desde xuño de 2006. Esto é o que resulta:

Ao dispor únicamente de datos desde 2006 só se pode apreciar o comportamento durante a crise, asi que simplemente destacar que, en termos de creación (destrución, neste caso) de emprego, Pontevedra está en liña con Coruña e Ourense, e os que mellor resisten, Lugo e Santiago de Compostela. Probablemente de podermos ir máis atrás de 2006 Pontevedra igualaríase con Santiago, e Lugo estaría por riba do resto.

Con todo, o que máis me chamou a atención son os casos de Vigo e Ferrol. En Vigo destruíronse 25.000 empregos desde xuño 2007. Na Coruña, no mesmo periodo, foron 15.000. En termos proporcionais, Ferrol perdeu máis do 20% das afiliacions que tiña en 2006 e Vigo o 17.5%. Pois ben, segundo as enquisas de Sondaxe para La Voz, as cidades de Galicia onde estarían aseguradas maiorías absolutas para as equipas de goberno actuais son, precisamente, Vigo (PSOE) e Ferrol (PP).

Non me pidan interpretacións políticas, porque non as teño.