Concursos de Novos Emprendedores

Están abertos agora mesmo tres concursos interesantes orientados á promoción do talento de mozos con ideas de negocio e á financiación de novos emprendedores. .

  • A Fundación Juana de Vega convoca a V Edición do Programa de Emprendemento Agroalimentario (http://juanadevega.org/), valorarando positivamente iniciativas con produtos agrícolas con Indicación Xeográfica Protexida, co obxectivo de axudar aos emprendedores a desenvolver as súas ideas, convertelas en proxectos de negocio e materializalas en empresas reais, innovadoras e competitivas .
  • A 3º Edición anual do Concurso de Proxectos Empresariais Semente de Monforte (http://www.sementedemonforte.org/) en colaboración con 10 empresas galegas, o Concello de Monforte de Lemos, o IGAPE e as Universidades Galegas, conta con 15.000 € en premios a ideas innovadoras e viables. Son considerados especialmente aqueles desenvolvidos en Monforte ou que teñan como obxectivo a posta en valor dos recursos da Ribeira Sacra.
  • A VIII edición do Programa Santander YUZZ (http://yuzz.org.es/) ofrece formación de balde en innovación, liderado, finanzas, mercadotecnia ou modelos de negocio. Finalizado o proceso de formación os mellores estudantes de cada un dos centros Santander YUZZ viaxarán a Silicon Valley, Os tres mellores proxectos recibirán unha dotación económica (80.000 eur en premios para todo o Estado).

Emprendimento no rural

Un tema recurrente na Facultade de Economía e Empresa é que, se estamos formando capital humano en xestión empresarial, debería ser fonte de futuros emprendedores nos distintos sectores económicos do país. Porén, moi a miúdo observo máis iniciativa e interese por “montar algo” na Facultade de Informática, por exemplo, onde tamén dou clase desde hai anos. O feito de traballar con algo “palpable”, con contido de seu, fai ás veces máis doado que xurda a vocación por unha iniciativa empresarial, que dispoñer das capacidades aprendidas en xestión empresarial, sen máis.

Un tema que me trae de cabeza é o maior interese dos alumnos en “investir en bolsa”, e as charlas que organizan cada dous por tres sobre “como gañar diñeiro en bolsa”. Tras quince anos traballando en banca privada, fondos de investimento e mercados de capitais, a min mo van contar… En cambio, o interese por iniciativas empresarias no sector “real” da economía escasea, e hai moito tempo que calquer rastro sobre emprendimento no rural esmoreceu. As facultades de empresa en Galicia non forman sobre emprendimento agrogandeiro, forestal, industrial, comercial ou de calquera tipo, vinculados ao mundo rural. E non o fan, probablemente, porque o potencial alumnado escasea. Somos un país que hai décadas fuxíu da aldea. Pasarán xeracións antes de superar o noso “complexo de aldea”?

Continúa lendo