Recambio e emigración xuvenil

mlaboralO mercado laboral xuvenil en Galicia, en 3 datos:

  • Índice de recambio da poboación activa, ano 2014: 160,7
  • Emigración externa (a outras CCAA e ao extranxeiro), ano 2014: 3.398 menores de 24 anos, 8.966 entre 25 e 34 anos
  • Taxa de paro xuvenil, 3T ano 2015: 29.6% nos menores de 29 anos (40.4% nos menores de 24)

Ano tras ano, por cada 1.000 rapaces que van cumplir 20 anos, 1.607 persoas cumplen a idade de xubilación. Lonxe de ter traballo simplemente con ocupar os postos de traballo que os nosos pensionistas van deixando libre, 12.364 rapaces de 16 a 34 anos emigraron fora de Galicia en 2014, e a taxa de paro dos que aqui quedan é do 29.6% nos menores de 29 anos. 53.900 rapaces, 18.100 deles con estudos universitarios.

Desemprego e maiorías absolutas

Ainda que residente (e votante) na Coruña, “o home é de onde nace e non de onde pace” así que eu sigo as eleccións de Pontevedra, miña vila natal, case coa mesma intensidade. As eleccións en Pontevedra están marcadas polo discurso do PP sobre Ence e o desemprego en Pontevedra, repetido polos seus altofalantes ate a saciedade, a consecuencia duns datos da EPA hai dous trimestres (máis info en Praza.gal).

A mellor maneira de desmontar tal afirmación é que Pontevedra, xunto con Lugo, ven gañando poboación nas últimas décadas moi por riba do resto das cidades galegas, así que, se manteñen taxas de paro similares ao resto, necesariamente Pontevedra e Lugo están creando máis emprego (proporcionalmente) nos últimos 20 anos. Fun ao IGE á procura de datos, pero só hai -desagregado a nivel concellos- desde xuño de 2006. Esto é o que resulta:

Ao dispor únicamente de datos desde 2006 só se pode apreciar o comportamento durante a crise, asi que simplemente destacar que, en termos de creación (destrución, neste caso) de emprego, Pontevedra está en liña con Coruña e Ourense, e os que mellor resisten, Lugo e Santiago de Compostela. Probablemente de podermos ir máis atrás de 2006 Pontevedra igualaríase con Santiago, e Lugo estaría por riba do resto.

Con todo, o que máis me chamou a atención son os casos de Vigo e Ferrol. En Vigo destruíronse 25.000 empregos desde xuño 2007. Na Coruña, no mesmo periodo, foron 15.000. En termos proporcionais, Ferrol perdeu máis do 20% das afiliacions que tiña en 2006 e Vigo o 17.5%. Pois ben, segundo as enquisas de Sondaxe para La Voz, as cidades de Galicia onde estarían aseguradas maiorías absolutas para as equipas de goberno actuais son, precisamente, Vigo (PSOE) e Ferrol (PP).

Non me pidan interpretacións políticas, porque non as teño.

Feijoo: ‘O Rei’ do paro

Non é só que Galicia teña, segundo a EPA, 135.000 parados máis que cando Feijoo chegou ao goberno hai 5 anos. Non é só que, peor aínda, o número de ocupados descendera en case 190.000 persoas. Non é só que, cando Feijoo chegou ao goberno hai 5 anos, a taxa de paro en Galicia estaba no 12,09% e hoxe está no 23,20%.

Non é só que haxa crise, porque a crise é para todos: o problema é que, desde que Feijoo chegou ao goberno, Galicia tiña un diferencial positivo do 30% con respecto ao conxunto do Estado en termos de desemprego, e hoxe o diferencial reducíuse ao 10%. Parabéns aos premiados.

Galicia non chora, emigra

No último post comentei que “España (por fin) crea emprego”. Realizo agora similar análise para Galicia (graciñas a Carlos Neira que me orientou no IGE para obter os datos desestacionalizados).

Non sei que adxetivo empregar, en serio…

Analizados os datos desestacionalizados de afiliacións á Seguridade Social e paro rexistrado, desde xaneiro 2010, en Galicia destruíuse emprego TODOS OS MESES sen excepción (de feito, ven sendo así desde antes, desde maio 2008 sen excepción). Desde agosto 2012 amainan os datos do paro grazas a que empeza a emigración en masa: de 600 galegos ó mes a 2.200. E así ata hoxe. En consecuencia, a caída do paro no segundo semestre de 2013 débese exclusivamente aos expulsados do mercado laboral (emigrados e fartos de perder o tempo no antigo INEM).

Desde que Alberto Núñez Feijoo é Presidente da Xunta de Galicia, non houbo un mes no que se creara emprego. Dado que debe ser un record mundial, non queda outra que darlle sinceiros parabéns: Parabéns fantoche.

España (por fin) crea emprego

Levamos meses advertindo (eu o primeiro) que a caída do paro rexistrado en moitos meses de 2013 tiña máis que ver coa caída da poboación activa (isto é, ben pola emigración de moitos parados, ben pola desmotivación doutros para apuntarse nas listas de busca de emprego) que con incrementos da contratación (afiliacion na SS).

Pois ben, o certo é que os últimos datos amosan que esa foi a realidade (moi dura, como veremos) ata agosto de 2013, pero nos últimos 4 meses os datos están sendo realmente positivos, especialmente o publicado hoxe sobre o mes de decembro. A gráfica a continuación resume a situación de 2011 a 2013:

A gráfica resume, para 2011, 2012 e 2013, a evolución das series (desestacionalizadas) de afiliación, paro rexistrado e (por diferencia) dos “expulsados” do mercado laboral (emigración, etc.). Como a expulsión de demandantes de emprego é particularmente significativa desde o último semestre de 2012, na táboa sobre a gráfica resumo os datos (totais e medias mensuais) de cada serie desde xullo-2012.

Os datos falan por si sós. De xullo 2012 a agosto 2013 destruíronse 703.000 postos de traballo (unha media de 50.000 cada mes), e se o paro aumentou só en 130.000 desempregados durante ese período foi porque 572.000 persoas foron ‘facer as Américas’. En cambio, no último cuatrimestre de 2013 a caída do paro (unha media de 35.600 parados menos cada mes) débese fundamentalmente ao incremento da contratación (28.000 afiliados máis ó mes) que á expulsión de man de obra, que descendeu nesta última parte do ano a un ritmo apenas un 20% do que viña facendo ata agora.

Xunto as boas noticias sobre a prima de risco (por debaixo de 200 pb e o bono a 3.91 agora mesmo), os datos de emprego empezan a apuntar cousas positivas para 2014. Esperemos que continúe así.